Ademais de darlle difusión ás propostas provinciais, o Concello tamén ten lista unha completa programación co gallo do 25N
Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña reactívase a campaña “DE FRONTE á violencia de xénero” coa que se pretende fomentar a colaboración entre administracións locais comprometidas coa igualdade e coa erradicación da violencia de xénero, así como achegar múltiples materiais orientados á concienciación e a participación social. O Concello de San Sadurniño forma parte desta campaña que se prolongará durante todo o mes e que arranca este mesmo xoves ás 19:00h. cunha conversa transmitida ao vivo por youtube sobre a violencia vicaria, menores na violencia de xénero e actualizacións normativas para a protección da infancia. Alén de compartir as propostas provinciais, o Concello tamén ten lista xa a súa programación do 25N, que se concentrará nas dúas últimas semanas de novembro.
Na palestra deste xoves 4 de novembro participan Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero, e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero, nunha conversa moderada pola xornalista Marián Fernández. As dúas profesionais abordarán a cuestión de esoutra violencia, quizais a máis terrible de todas, que pretende causarlle á muller a máxima dor posible maltratando ou mesmo asaninando ás súas fillas ou fillos.
A violencia vicaria non é algo novo, sempre estivo aí, pero nos últimos anos fíxose máis visible a raíz de casos terribles (de par que mediáticos) que alertaron á sociedade sobre o resultado máis extremo da violencia machista e a urxente necesidade de reforzar as políticas e a normativa orientadas á protección da infancia.
O calendario de sesións en liña organizadas pola área de Igualdade da Deputación da Coruña proseguirá o xoves da semana que vén, 11 de novembro, cunha palestra sobre as Violencias de xénero en mulleres maiores. O ciclo rematará o xoves 18 tratando a importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local.
Estes eventos poderán seguirse a través da canle de youtube de defronte.gal e, ademais, hai opción de asistir presencialmente inscribíndose antes en info@defronte.gal.
Outras actividades
Dun tempo a esta parte, a Deputación da Coruña está centrando as accións do 25N na formación e na concienciación social cun programa que abrangue a practicamente todas as idades e que se vai activando ao longo de todo este mes tendo como referente a web defronte.gal.
Así, a partir do 15 de novembro estarán dispoñibles dúas actividades xuvenís, unha de pensamento visual sobre tratamento e prevención da violencia de xénero e outra de Escape Room para traballar en igualdade e de xeito cooperativo.
Entre os días 22 e 29 de novembro tamén se poderá ver en liña o espectáculo musical para público infantil “Martiña Soñadora” e o propio día 25 de novembro ás 12:00h. leranse na sede provincial -e nos concellos adheridos á programación- distintos textos e poemas relacionados coa data, algúns deles escolmados do libro “Poesía en feminino, Mulleres do rural” publicado o pasado mes de de setembro polo Concello de San Sadurniño.
Ademais de propor estas actividades, Igualdade tamén facilitará material físico da campaña provincial a diferentes axentes do territorio, na procura de contribuír na sensibilización fronte ás diferentes formas de violencia que exerce o heteropatriarcado sobre as persoas, e de maneira especial, fronte á violencia de xénero.
O 25N en San Sadurniño
Ademais de sumarse á campaña provincial “DE FRONTE á violencia de xénero”, o Concello de San Sadurniño tamén preparou a súa propia programación, que arranca o propio día 25. As citas resumidas son as seguintes:
25 de novembro, xornada de tarde no CPI: Presentación do libro “Os Bolechas van a San Sadurniño camiñando pola igualdade”. A familia Bolecha, creada por Pepe Carreiro, chega por fin ao noso concello para descubrirnos o territorio e contarnos varias historias que comparten o fío temático da educación en igualdade da rapazada máis pequena. O autor participará na presentación por videoconferencia, que irá precedida do traballo co libro nas aulas de Infantil e Primaria. Ademais, todas as nenas e nenos de San Sadurniño tamén terán o seu exemplar. A edición de “Os Bolechas van a San Sadurniño camiñando pola Igualdade” é unha iniciativa da área municipal de Igualdade subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
27 de novembro, 16:30h, Local Social de Lamas: Tempos para compartir de deseño e fabricación de chaveiros solidarios, en colaboración coas artesás das Lolas da Cascarilla. Os chaveiros poranse á venda para recadar fondos que logo se lle doarán a unha entidade que traballe con fillos e fillas de vítimas de violencia de xénero. As inscricións deberán facerse antes do 23 de novembro no 981 490 027 ext.1 ou en veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Só hai 20 prazas dispoñibles, con preferencia para veciñanza empadroada en San Sadurniño.
28 de novembro, 18:00h, Casa da Cultura: Lectura da declaración institucional e proxección do filme “As tres caídas de María Santiso”. Trátase dunha curtametraxe de comedia dramática que convida a reflexionar sobre o pasado, presente e futuro da sociedade rural galega, ao tempo que estimula o pensamento crítico sobre os roles tradicionais da muller e do home. O visionado da curta, protagonizada por Lucía Veiga, acompañarase dun completo “making of” da súa produción e filmación. Ademais tamén haberá un coloquio co director do filme, Roberto Alvite, e parte do elenco.
Nesta actividade colaboran a Concellaría de Igualdade e máis a de Cultura, que tamén mantén aberta durante todo este mes na Casa do Concello a mostra “Medrando no Rural”, da artista plástica Paula Aneiros. As catro paredes da galería énchense con imaxes e obxectos a xeito de recordatorio sobre como “o Rural” -entendido como espazo físico, de cultura, tradición e vida- se constrúe en feminino. Ademais, a exposición busca a complicidade do público facéndoo partícipe dunha das obras, concibida como un “work in progress” no que os e as visitantes poden deixar a súa propia contribución en forma de mensaxe.
A programación do 25N rematará na última semana de novembro levando a cabo un obradoiro sobre a violencia de xénero e o novo contexto dixital, que se desenvolverá con participación do alumnado adolescente do CPI de San Sadurniño. Esta actividade encádrase no acordo de colaboración suscrito entre a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a Fegamp.