Friday 22 de November de 2024

A Xunta pon en valor a recuperación do Camiño e da actividade congresual da man da Feira FairWay


— A única feira especializada no Camiño de Santiago celebra a súa cuarta edición entre o 7 e o 9 de novembro en Santiago de Compostela

— A directora de Turismo de Galicia participou na presentación do encontro profesional, que agarda reunir a máis de 4.500 visitantes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da cuarta edición de FairWay, a feira especializada no Camiño de Santiago que se celebrará do 7 ao 9 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, que conta co patrocinio do Xacobeo 21-22. O encontro, que conta tamén con espazo expositivo, congreso e workshop no que se darán cita empresas especializadas nacionais e internacionais agarda reunir a máis de 4.500 visitantes.

No acto de presentación, no que Nava Castro estivo acompañada polo concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, e os codirectores de Fairway, Ana Trevisani, Manuel Oreiro e Tono Mugico, a directora de Turismo de Galicia aproveitou para poñer en valor a recuperación das feiras presenciais, “especialmente unha especializada coma este, consolidada plenamente como o punto de encontro tanto de profesionais coma de expertos, entidades e público en xeral vencellado co Camiño de Santiago que supón un oportunidade única de reflexión, encontro e creación de sinerxías arredor do fenómeno xacobeo”.

Neste sentido, Nava Castro destacou que FairWay volve celebrarse, despois do obrigado parón da pandemia, nun momento moi especial “de recuperación do Camiño, que está demostrando toda a súa vitalidade coa entrega de máis de 167.000 compostelas no que vai de ano” pero tamén “de recuperación do sector MICE galego”, demostrando que a aposta da Xunta de Galicia pola celebración do Xacobeo e polo Camiño como motor de recuperación turística foi acertada.

“Ás portas da celebración do Xacobeo 2022, coa expectativa de que este segundo Ano Xacobeo sexa máis internacional, máis amplo e con máis impacto que este, é fundamental recuperar espazos de congreso, pero tamén de negocio como é FairWay”, asegurou a directora de Turismo de Galicia, quen participará o vindeiro luns, 8 de novembro na feira cun relatorio arredor do turismo e a sustentabilidade.