Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón inviste 22.000 euros no acondicionamento da contorna da praza do Cruceiro (Rubial), ao pé da Vía da Prata


O Concello de Boqueixón vén de investir 22.000 euros no acondicionamento e humanización da contorna da praza do Cruceiro, no núcleo rural de Rubial. Unha obras executadas pola empresa Obras y Viales de Galicia SL para poñer en valor esta praza.

“Esta actuación responde á intención do Concello de Boqueixón de poñer en valor unha área pola que discorre a Vía da Prata, polo que será desfrutada tanto pola veciñanza do lugar como polos milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren esta ruta Xacobea”, explica Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón.

A actuación consistiu na execución dun muro, de 33 metros de longo por 4 de alto, para poder nivelar a superficie da praza. Nela, cambiáronse de lugar tanto a marquesiña como os contedores do lixo, que foron integrados nunha nova área de 12 m2 cuns paneis de madeira que facilitan a súa integración na contorna. Finalmente, procedeuse a instalar unha mesa de pedra granítica cos seus respectivos bancos.

Ao mesmo tempo, procedeuse a mellorar a marxe do camiño, nunha superficie de 150 m2, coa execución dunha pavimentación continua herba-formigón de 10 centímetros de espesor, previo acondicionamento da zona e roza da contorna.