― A ocupación nos establecementos galegos achegouse ao cen por cen nas localidades turísticas, o que confirma os bos datos que xa se rexistraron nos meses de verán e na pasada ponte do Pilar
― A iniciativa #QuedamosEnGalicia posta en marcha pola Xunta para reactivar o sector, un dos máis afectados pola pandemia levou a cabo dende o mes de xuño 14.417 por importe de 2.891.483 euros
― O bono é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro
O bono turístico inxectou preto de 300.000 dende o venres ata onte, o que confirma a progresiva reactivación do sector en Galicia. O gasto feito polos usuarios do bono nestes días festivos coincide cunha ocupación nos establecementos hoteleiros que, nalgunhas localidades turísticas, achegouse ao cen por cen da súa capacidade.
Entre o venres 30 de outubro e onte, realizáronse unhas 1.400 operacións co bono turístico, por un importe de compras de preto de 300.000 euros.
O bono turístico activouse este ano como complemento da campaña posta en marcha no 2020 en favor dos profesionais sanitarios. Aberto no mes de xuño ao público en xeral, os beneficiarios, que como se recordará esgotaron en poucas horas a oferta dispoñible, corren co 40% do gasto que realicen nos establecementos turísticos galegos, en tanto que a Xunta aporta o 60 % restante.
As previsións da Xunta pasan por mobilizar a través do bono turístico 7,8 millóns de euros no sector en todo 2021. O gasto feito polos usuarios nesta ponte confirma que se trata dunha medida moi beneficiosa para reactivar o turismo tras meses de paralización por mor da pandemia.
O bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro. Un obxectivo que comparte co programa Elixe Galicia, orientado a diferentes colectivos galegos – menores de 30 anos, familias e maiores de 55 anos-, a través do que se levan comercializado máis de 4.300 prazas nos diferentes programas de desestacionalización turística diversificada nas catro provincias galegas e que permitiu inxectar no que vai de ano algo máis dun millón de euros no sector, especialmente nas axencias de viaxe, un dos segmentos máis afectados pola crise sanitaria.