Friday 22 de November de 2024

A Coruña pon en marcha unha nova edición do seu programa Nocturnia


A área de Igualdade, Benestar Social e Participación lanzou este martes a programación desta iniciativa de ocio saudable para a mocidade durante os meses de novembro e decembro

O Concello da Coruña lanzou este martes o seu programa Nocturnia para os meses de novembro e decembro. Trátase dunha iniciativa de ocio saudable para a mocidade da área de Igualdade, Benestar Social e Participación, e busca achegar alternativas de tempo libre para persoas de entre 12 e 30 anos.

Nesta nova edición organizada polo servizo de Participación e Xuventude ofértanse 728 prazas en máis de 70 actividades que se levarán a cabo todos os venres e sábados en diferentes horarios e espazos da cidade. Poderase participar en rutas teatralizadas para descubrir “as pantasmas da Coruña” ou en actividades moi diferentes como obradoiros de arquitectura xeodésica, maxia ou fotografía.

Nocturnia contará nesta edición tamén cos seus demandados obradoiros creativos, onde a estampación, o spencil, a ilustración ou o gravado terán moito peso. O programa conta tamén con actividades deportivas ao aire libre e de posta en valor de espazos naturais e urbanos a través de rutas interpretativas en diferentes zonas de Galicia, actividades no medio acuático como paddel surf ou kayak, e actividades en instalacións deportivas como a escalada, a esgrima láser e o quidditch.

Nesta edición, como na do ano pasado, todos os actos estarán adecuados aos diferentes protocolos activados polas autoridades sanitarias na actualidade para o desenvolvemento de actividades no ámbito do ocio e tempo libre para a infancia e a xuventude. “O compromiso do goberno municipal de Inés Rey coa mocidade coruñesa é claro con iniciativas como esta ou a apertura dos novos espazos de información xuvenil o pasado mes de abril”, sinalou a concelleira Yoya Neira.

A inscrición para as actividades da primeira fin de semana comeza hoxe, martes 2 de novembro, ás 16.00 horas. As prazas asignaranse por orde de inscrición a través do formulario da páxina web www.coruna.gal/nocturnia, onde tamén hai información adicional do programa.