Saturday 16 de November de 2024

O Concello da Coruña presenta a programación do Ano Internacional María Casares


A alcaldesa Inés Rey destaca que os obxectivos do seu goberno son identificar á actriz coa súa cidade natal, amosar o seu espírito independente e reforzar os lazos culturais con Francia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes a programación do Ano Internacional María Casares, que se celebrará o vindeiro 2022 con numerosos actos para lembrar a figura desta actriz e personaxe público tan vinculado á cidade. A alcaldesa estivo acompañada do coordinador do programa, Xosé Aldea, consultor e xestor cultural especialista na xestión de grandes eventos e infraestruturas culturais.

Esta iniciativa xorde coa intención de identificar a María Casares coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.

“A decisión de celebrar este ano internacional responde a dous eixes centrais da nosa acción política: a aposta pola cultura como elemento xerador de riqueza e oportunidades e a loita pola igualdade mediante a reivindicación das grandes mulleres que contribuíron a facer da Coruña o que hoxe é unha cidade moderna, aberta e cosmopolita”, sinalou a alcaldesa.

A súa orixe coruñesa acompañaríaa en París, Avignon e Alloue. Ela mesma dixo nunha ocasión: “Lembro con moito máis amargor a marcha da Coruña a Madrid que a de Madrid a París”. O Concello da Coruña impulsará no 2022, centenario do nacemento de María Casares, unha gran cantidade de actividades, tanto de creación propia como colaboracións vencelladas con Francia.

A alcadesa destacou que “as actividades programadas permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo teatro desta grande actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo”.

Entre os actos que se celebrarán destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental ou un encontro internacional. Tal e como apuntaron Inés Rey e Xosé Aldea, aínda quedan moitos actos por anunciar en próximas datas. “Estou segura de que todas as actividades que desenvolveremos permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo do teatro desta gran actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo”, dixo Inés Rey durante a presentación.

A comisaria deste Ano Internacional María Casares será María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura de María Casares. O cartel, presentado tamén hoxe, é obra do ilustrador polaco Wozniak, realizado en 2014 para o blog de Ramón Chao.