Culturactiva Producións representará sobre as táboas do Elma a función teatral Conexión Pingüín. Será neste 7 de novembro, ás 19.00 horas.
A obra é unha reflexión cómica, en dous tempos, a dúas voces, sobre a incomunicación na era da comunicación; sobre a incomunicación entre os seres humanos nunha era tecnolóxica marcada pola conexión inmediata, pola telecomunicación, pero onde as persoas nunca estiveron tan lonxe entre si.
Na trama, os protagonistas trasladarán ao público a dúas épocas: por unha banda, a unha expedición con rumbo ao polo sur no 1923, e, pola outra, a unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza esa fazaña antártica.
O elenco está composto por Luis Iglesia e Marcos Orsi, quen tamén exerce de director, con texto de José Prieto e escenografía de Kukas.
Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben formaliza-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.
Trátase dunha actividade de balde adscrita á programación cultural que transcorrerá no municipio durante o último trimestre do ano con sesións teatrais destinada a maiores de 16 anos. Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.