― Continuarán as tarefas xa iniciadas na VAP VG-1.4, no municipio coruñés de Fisterra, e na estrada AC-552, en Vimianzo; na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Sarria, nos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e na LU-934, en Friol
― Tamén seguirán as limpezas na OU-536 en Ourense; na OU-402 en Ourense, Barbadás e Castrelo do Miño; e na PO-531 en Vilanova, Meis, Barro e Pontevedra
― O departamento que dirixe Ethel Vázquez leva investidos 6,8 M€ desde 2018 nestas accións de conservación, que favorecen á prevención dos lumes e a seguridade viaria, aumentando a visibilidade e afastando da calzada animais como os xabarís
A Xunta iniciará este martes novos traballos de limpeza nas marxes da autovía de Ferrol-Vilaba (AG-64), ao seu paso polo lugar de Vilallonte, no concello de Narón.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, renovou o pasado mes de xuño o contrato de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
No marco destas intervencións seguirán as actuacións iniciadas nas últimas semanas na provincia da Coruña: na vía de altas prestacións VG-1.4, que comunica Cee e Sardiñeiro, no concello de Fisterra; e na estrada AC-552, en Vimianzo.
Tamén continuarán estas tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas da provincia de Lugo, na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na LU-934, en Friol.
Proseguiran, ademais, os labores comezados a pasada semana na OU-536, en Ourense; e na OU-402, ao seu paso polos municipios de Ourense, Barbadás e Castrelo do Miño.
Na provincia de Pontevedra continuarán os traballos de roza e limpeza estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.
Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como os xabarís.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Este ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.