A alcaldesa acudiu ao cemiterio de San Amaro, onde se depositaron coroas de flores ante as sepulturas de José Rodríguez e Ramón Amigo, e no monumento ás vítimas da folga xeral de 1901
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este luns a tradicional ofrenda floral polo Día de Todos os Santos celebrada no cemiterio de San Amaro. Este ano o acto serviu para render homenaxe a dúas destacadas figuras da medicina coruñesa e aos movementos sindicais de comezos do século XX.
Á ofrenda, na que estivo presente a corporación municipal, acudiron os membros da coral polifónica El Eco, cos que Inés Rey quixo ter unhas palabras de agarimo despois de que o pasado 2020 non houbese actuación musical por mor das restricións da pandemia. A alcaldesa depositou tamén a tradicional coroa de flores ao pé da Cruz dos Esquecidos.
Este ano rendeuse homenaxe a José Rodríguez Martínez, más coñecido como médico Rodríguez, e ao doutor Ramón Amigo. Inés Rey lembrou os motivos polos cales estas dúas persoas son recordadas. “Médico Rodríguez é un claro exemplo da Coruña solidaria que, entre todos, debemos defender. José Rodríguez foi un doutor de prestixio a finais do século XIX e comezos do XX, que atendeu a moitos cidadáns nas súas propias casas sen importar a súa clase social ou se podían pagar os seus servizos”, afirmou.
Inés Rey lembrou os méritos do médico Rodríguez, que ademais da súa faceta como doutor foi concelleiro do antigo municipio de Santa María de Oza e xornalista. En 1883 foille concedida a Gran Cruz da Beneficencia por acudir desinteresadamente a Valencia durante unha epidemia de cólera.
Por outra banda, a alcaldesa tamén lembrou a figura de Ramón Amigo, un médico que tiña fama de “mago”, segundo o describía Emilia Pardo Bazán, quen lle dedicou varios textos. Ramón Amigo pasaba consulta nun edificio do Ensanche, onde se formaban longas ringleiras de pacientes para recibir os seus “milagres”. “Doña Emilia dixo no seu día del que podería ter gañado grandes sumas de diñeiro coas súas habilidades. Mais a Ramón Amigo non lle interesaba enriquecerse. Como José Rodríguez, quixo que todo o mundo puidese ser atendido”, sinalou Inés Rey, que reivindicou a importancia da sanidade pública.
Por último, tamén se depositou unha coroa de flores no monumento que honra ás vítimas da folga xeral de 1901, na que morreron oito persoas entre obreiros e civís. Os historiadores a consideran a primeira folga xeral de Galicia. “Aqueles feitos supuxeron un antes e un despois nos movementos sindicais en Galicia e España. Por iso, tamén deben ser homenaxeados pola súa contribución á historia e ao legado da cidade”, apuntou Inés Rey.
Durante o acto a coral polifónica El Eco interpretou María Soliña e Negra Sombra. A homenaxe rematou coa colocación dun último ramo de loureiro xunto á placa conmemorativa no monumento aos Mortos pola Liberdade.