Friday 22 de November de 2024

O Concello recibe 25 propostas para o concurso de ideas que permitirá completar a reforma da antiga Comandancia de Obras e convertela en CIDEA


O Goberno local, que investirá 1,2 millóns na primeira fase do proxecto, realizou este concurso de ideas para a execución das etapas posteriores do proxecto, nas que se inclúen a recuperación de tres edificios para contar cun centro activo de industria cultural

O Concello da Coruña informa de que recibiu un total de 25 propostas para o concurso de ideas que convocou para as fases finais do plan municipal que permitirá converter a antiga Comandancia de Obras na Mestranza en Coruña Idea (CIDEA), o proxecto estrela do Distrito Creativo, enmarcado dentro da iniciativa Coruña Futura.
Tras lograr a firma dun convenio entre o Concello e o Ministerio de Defensa para a cesión dos terreos, o Goberno municipal convocou un concurso de ideas -o prazo para a presentación de propostas concluíu o pasado 30 de xaneiro- para a adecuación a uso
cultural-docente das edificacións existentes no recinto da antiga Comandancia Militar de Obras e a ordenación dos espazos libres nesta zona da Maestranza.
O proxecto CIDEA é unha das conclusións obtidas de Distrito Creativo -Coruña Futura inclúe como eixes fundamentais a creatividade e a produción a través deste centro dirixido ás diferentes esferas nas que o deseño intervén-. O denominado Distrito Creativo leva consigo a transformación do centro histórico e o seu ámbito nun espazo de creatividade e deseño para impulsar esta zona como un lugar para a expresión artística, a tecnoloxía, o coñecemento, a innovación e o turismo. Neste punto, xoga un papel estratéxico a posta en marcha de CIDEA, que xa empezou en 2014 a dar os seus primeiros pasos grazas á colaboración da Fundación Luis Seoane.
O proxecto de acondicionamento e renovación destas instalacións, situadas nunha parcela de máis de 5.000 metros cadrados na antiga Comandancia de Obras, é complexo, pois inclúe un total de 9 espazos situados nun total de 6 construcións. Por este motivo, é necesario analizar o proxecto en tres fases.
A primeira fase de CIDEA considera o acondicionamento de seis espazos -que se destinarán ao deseño, gravados e o audiovisual-, un proxecto para o que xa se reservou un investimento aproximado de 1,2 millóns de euros. Serán a segunda e terceira fases
-nas que se inclúen a adecuación doutros dous espazos polivalentes e do edificio racionalista- as que dependerán da proposta gañadora do concurso de ideas e no que o Concello conta coa colaboración do Colexio de Arquitectos.
O concurso de ideas permitiu recoller propostas que precisamente crearán as condicións axeitadas para a implantación na antiga Comandancia de Obras dos usos e actividades necesarios para impulsar CIDEA. A proposta gañadora tamén servirá de anteproxecto -ademais de calcular un presuposto aproximado para a execución destas fases finais de CIDEA- para adecuar tres das naves existentes na parcela e a urbanización do ámbito co fin último de crear un centro activo de industria cultural.
O xurado do concurso, que xa empezou a analizar as 25 propostas presentadas, está presidido polo tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado por un representante do Colexio de Arquitectos de Galicia (Fernando Blanco), da Oficina Municipal de Rehabilitación (Rafael González-Cebrián) e dunha profesora técnica por proposta dos participantes no propio concurso (Covadonga Carrasco). A maiores, o Concello invitou a participar a un representante da Concellaría de Cultura e da área de Vivenda do Ministerio de Fomento. Deste xeito, o Concello segue adiante coa súa aposta por contar con colexios profesionais e expertos á hora de definir os grandes proxectos para A Coruña. En total, repartirase 12.000 euros en premios: 7.000 euros para a proposta gañadora, 4.000 euros para o segundo clasificado e 1.000 euros para un accésit.