— Xuventude Activa Lousame 2020 e Voluntariado Sénior Lousame 2021 son os dous proxectos que se están a levar a cabo no municipio e que buscan fomentar a participación de toda a poboación
— A Xunta de Galicia destina máis de 6.000 euros para levar a cabo estas propostas no concello coruñés
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, animou hoxe a todos os mozos e maiores do rural a implicarse activamente na dinamización dos seus concellos. Nun encontro cos participantes dos proxectos do voluntariado xuvenil e sénior que se están levando a cabo no concello, Xuventude Activa Lousame 2020 e Voluntariado Sénior Lousame 2021, agradeceu a todos os voluntarios de Galicia o traballo que están a realizar para resposta ás necesidades sociais deste entorno rural, tanto para os máis novos como para os maiores. A Xunta de Galicia destina máis de 6.000 euros para levar a cabo ambos proxectos.
A directora xeral puxo en valor a posta en marcha de actividades que traballan na mellora da calidade de vida das persoas que viven no rural, ao tempo que potencian o voluntariado e as actividades sociais e culturais tanto para a xente nova como para as persoas maiores.
Xuventude Activa Lousame 2021
No caso do voluntariado xuvenil, o obxectivo do proxecto é lograr unha cidadanía participativa, responsable e solidaria, que colabore na detección e solucións ás necesidades sociais do Lousame. No proxecto Xuventude Activa Lousame 2021 inclúense catro espazos solidarios onde as persoas voluntarias poden desenvolver a súa labor colaborando en actividades relacionadas coa promoción do voluntariado, sensibilización sobre a COVID-19. Así como tamén en actividades de lectura nas que ademais se fomenta o emprego da lingua galega. A xuventude gracias a esta proposta tamén pode axudar nos Centros de Día, no club de xubilados ou no Punto de Atención Temperá.
Voluntariado Sénior Lousame 2021
Por outra banda, o Voluntariado Sénior Lousame 2021 no que participan persoas maiores de 55 anos, traballa no fomento da participación altruísta de persoas maiores en diferentes actividades para favorecer un envellecemento activo da poboación, como a de sensibilización sobre a violencia de xénero, apoio nas actividades do programa de dinamización de persoas maiores no Centro de Día, nos talleres de memoria, no Servicio de Axuda no Fogar ou en actividades de acompañamento a persoas maiores.