― A acción formativa está prevista para o vindeiro venres 5 de novembro na Casa das Palmeiras, en horario de mañá
― Con este curso trátase de ofrecer formación sobre as posibilidades de elaboración para pequenos produtores derivadas das novas regulacións e flexibilizacións en materia de hixiene da produción e comercialización de produtos alimenticios
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza o vindeiro venres 5 de novembro en Cambre un curso sobre a comercialización de produtos cárnicos procedentes de pequenas explotacións. Dita acción terá lugar na Casa das Palmeiras en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.
Con este curso trátase de ofrecer formación sobre as posibilidades de elaboración para pequenos produtores derivadas das novas regulacións e flexibilizacións en materia de hixiene da produción e comercialización de produtos alimenticios. Tamén se abordarán as oportunidades que ofrece o decreto de Artesanía Alimentaria, analizando as condicións técnicas e os requisitos da produción cárnica en pequenas empresas artesanais alimentarias e nas explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros.
Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Os formularios deberán ser enviados ao correo electrónico ica.mediorural.coruna@xunta.gal e os que desexen consultar calquera dúbida poden facelo chamando ao teléfono 981 184 530.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Así, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.