― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na presentación dun evento que se celebrará en Santiago de Compostela os días 12 e 13 de novembro e que apadriñará Vicente del Bosque
― Alfonso Rueda agradeceu que o congreso se celebre en Galicia, xa que permitirá potenciar a comunidade autónoma como destino turístico seguro e dar a coñecer o Xacobeo en todo o mundo
― O vicepresidente primeiro salientou que o fútbol, como o Camiño, é “esforzo e afán de superación” e que ambas actividades fomentan o compañeirismo
― Rueda salientou os bos datos de turismo acumulados ata setembro, con 2,8 millóns de viaxeiros e 6,6 millóns de noites no que vai de ano, cifras similares á prepandemia
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe a celebración en Santiago de Compostela do congreso “O Camiño do fútbol” porque dará a coñecer a marca Galicia en todo o mundo.
Alfonso Rueda asistiu no Hostal dos Reis Católicos á presentación do evento que se vai celebrar en Santiago de Compostela os días 12 e 13 de novembro organizado pola Real Federación Galega de Fútbol e pola Real Federación Española de Fútbol e que apadriña o exfutbolista e exentrenador Vicente del Bosque. No acto, o vicepresidente primeiro salientou que o evento, ao que está previsto que asistan uns 500 profesionais de todo o mundo, con relatores de relevo internacional, suporá unha oportunidade única “para potenciar Galicia como destino turístico seguro e dar a coñecer o Xacobeo en todo o mundo”.
A entender de Alfonso Rueda, a celebración do congreso en Galicia ratifica non só a recuperación da actividade turística e a progresiva chegada de fluxos internacionais, senón tamén a reactivación do turismo de negocios e eventos, un sector que ao longo deste ano recibiu 800.000 euros de axudas do Goberno galego para facer fronte á crise provocada pola pandemia sanitaria.
O vicepresidente primeiro chamou a atención sobre as vantaxes que comparten a práctica do fútbol e a realización do Camiño, como o esforzo e o afán de superación: “O fútbol fomenta o compañeirismo e o Camiño é convivencia en estado puro”, indicou.
O vicepresidente primeiro salientou os bos datos de ocupación turística en Galicia que se deron a coñecer hoxe respecto ao mes de setembro, que pechou con máis de 532.000 viaxeiros e 1,1 millóns de noites. A recuperación do turismo segue 25 puntos por riba da media nacional, con cifras similares á prepandemia, con 2,8 millóns de viaxeiros que elixiron Galicia entre xaneiro e setembro e que consumiron 6,6 millóns de noites, polo que a galega é a segunda comunidade autónoma con mellor ritmo de recuperación respecto do ano pasado en número de viaxeiros e a terceira en número de noites.