Saturday 16 de November de 2024

A estrada provincial desde San Sadurniño a Riboira contará en breve cunha senda peonil e un ancho maior


O proxecto foi ratificado hoxe por unanimidade do pleno da Deputación, cun investimento cuantificado en máis de 657.000 euros entre obras e expropiacións

 

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade a ampliación e mellora da seguridade peonil da estrada DP-7602 que enlaza o Campo da Feira, á saída do centro urbano de San Sadurniño, con Riboira, na parroquia de Lamas. Son 1,5 quilómetros de percorrido onde se prevé ampliar a larganza da calzada até os 6,50 metros -agora ten 4- e, ademais, construír unha senda de 1,8 metros de ancho separada por un bordillo. O proxecto está orzamentado en 657.735 euros, dos cales 47.735 corresponden co importe das expropiacións que será necesario realizar. Trala aprobación plenaria, a Deputación deberá licitar as obras, cuxo prazo de execución se estima nun máximo de seis meses trala correspondente sinatura da acta de replanteo.

O Concello xa lle propuxera en 2015 á Deputación a transferencia desta vía interior, previa mellora da súa seguridade. Mesmo se preparou unha memoria valorada que se lle fixo chegar ao ente provincial coa finalidade de que, transferida ou non, a vía se tivese en conta nos plans anuais de sendas peonís. A cuestión trasladouse como recordatorio nos últimos anos pero non foi ata este cando se habilitou unha partida para levar a cabo as obras, cuxa execución material ascende a 610.211,15 euros.

O que se vai facer é darlle máis ancho á estrada, pasándoa de 4 a 6,5 metros en todo o seu trazado para garantir que dous vehículos poidan cruzarse sen problemas, independentemente do seu tamaño, xa que é habitual que na parte sur -de tan só 3,5 metros de ancho medio, con varias curvas e encaixada entre un grande ribazo e un regato- haxa que facer manobras cando se encontran, por exemplo, un utilitario e o bus do transporte escolar.

Ademais tamén se aproveitará para construír unha senda peonil que conecte as beirarrúas do centro urbano de San Sadurniño co núcleo de Riboira, xa en Lamas. O sendeiro, de 1,8 metros de ancho, discorrerá pola esquerda segundo se sobe desde San Sadurniño. A medio camiño cambiará para a banda dereita ata chegar á estrada de Ortigueira. En todo ese traxecto irá separado da calzada por un borde contínuo de formigón prefabricado.

As novas medidas da estrada e da senda implican ampliar o espazo a un e outro lado do eixo viario, sobre todo na zona que queda máis próxima ao Campo da Feira, onde será necesario retranquear os noiros dos montes e asegurar a marxe do regato, que tamén cumprirá canalizar en certos puntos. Máis arriba a estrada está flanqueada maiormente por labradíos, polo que a obra será relativamente máis doada.

En ambos casos a Deputación ten previsto levar a cabo expropiacións en 58 predios que suman en conxunto 8.278,64 m² e con superficies afectadas que van desde os escasos centímetros até os 1.343 m² da franxa de leira de maior tamaño. A cuantificación inicial das expropacións -47.523 euros en total- eleva o custe total do proxecto a 657.735 euros.

Valoración municipal
Para o Goberno local de San Sadurniño, a obra planificada pola Deputación da Coruña “responde a unha demanda que expuxemos en varias ocasións nos últimos anos”, tal e como apuntou o alcalde, Secundino García.

O rexedor fai unha valoración “moi positiva” do proxecto por canto suporá de mellora para a seguridade do tráfico, pero tamén de viandantes. “Soluciónase o problema que había ao pé do rego, onde actualmente hai que pasar con moito ollo, sobre todo se vén un coche de fronte. O sitio é moi xustiño e cando pasa o bus, un camión ou un tractor hai que medir moito as distancias para non tocarse ou para non botar unha roda fóra da pista, que polo lado do regato practicamente non ten marxe”, comenta García.

O alcalde engade que esta nova obra tamén virá completar a rede de beirarrúas e sendas peonís da zona urbana. “Cornide, O Outeiro, o paseo Fluvial, o arboreto e o Enxerto están todos enlazados con beirarrúa ou senda peonil. Unha vez se leve a cabo este proxecto poderase continuar a pé e con total seguridade desde o Campo da Feira ata Riboira. Agora só faltaría comunicar Riboira co Outeiro, que dependería da Xunta, e ver a maneira de conectar a rotonda do Outeiro co paseo fluvial seguindo a estrada de Ferreira, que tamén é provincial”.