Friday 22 de November de 2024

Unanimidade do pleno de Frades ao esixirlle a Fomento o arranxo da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira por seguridade viaria


O pleno aprobou esixirlle a Unión Fenosa que remate as obras que está a facer na Ponte Carreira, solicitarlle 27.000 euros á unha empresa por unhas obras e solicitar a Interior asilo político para Hassana Aalia

O pleno municipal de Frades celebrou esta mañá unha sesión plenaria extraordinaria para nomear a José Manuel Ramos Tejo como xuíz de paz do municipio. Ramos Tejo repite así no cargo por outros catro anos, logo de que non se presentase ningunha outra candidatura.

Aproveitando a ocasión, o Grupo de Goberno levou a pleno unha serie de iniciativas para reclamar melloras para Frades a distintas institucións públicas e empresas. Unhas propostas que foron apoiadas por unanimidade, salvo a reclamación de algo máis de 27.000 euros á empresa Construcións Tarrío por uns traballos de abastecemento non realizados na parroquia de Abellá. Tanto PSOE como BNG apoiaron que o Concello reclame eses cartos, pero optaron pola abstención ao non coñecer en detalle todo o proceso.

Reclamacións Fenosa

Así mesmo, o Concello de Frades solicitaralle a Unión Fenosa que remate as obras de instalación dunha liña de media tensión nas proximidades de Ponte Carreira para que poida proceder a perfilar as cunetas e reparar o firme das pistas danadas. O alcalde, Roberto Rey, presentou un informe da arquitecta municipal que especifica que “o estado de limpeza da obra é moi mala” e apunta cousas como que “as cunetas están sen perfilar, impídese o paso á auga…”.

Rey Martínez explicou que as obras están paralizadas por mor duns problemas que está a sofrer a empresa adxudicataria, polo que “é necesario instar a Fenosa a resolver a situación. As obras teñen que ser rematadas canto antes, ben pola concesionaria, ben por Fenosa, pero os veciños non teñen por que estar aturando tantas molestias”. Unha proposta aprobada por unanimidade.

Reclamación Fomento

O pleno municipal de Frades tamén aprobou por unanimidade esixirlle ao Ministerio de Fomento a reparación da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira, así como das vías de servizo, xa que o seu pésimo estado de conservación supón un perigo para a seguridade viaria. O alcalde presentou un informe técnico que especifica que “o firme da N-6fendas34 está moi deteriorado, con grietas que poden causar accidentes. Se continúa este deterioro, a estrada será intransitable”.

Así mesmo, Rey Martínez denunciou o pésimo estado de conservación das vías de servizo: “na que vai a Lanzá hai grandes fochas que a fan intransitable e na de Santiago hai zonas onde é moi complicado o paso dos vehículos”. De feito, o informe técnico conclúe que o estado actual destas vías “case non permite o tránsito de vehículos”.

Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade instar ao Ministerio do Interior a concederlle o asilo político ao activista saharauí Hassana Ailia. Unha petición que chega tras unha solicitude da Delegación Saharaui para Galicia.