Friday 22 de November de 2024

Manuel Mirás celebra o inicio das obras do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro xa que “mellorarán a mobilidade dos nosos veciños e empresas”


O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, considera que “hoxe é un dos mellores días á fronte da Alcaldía orosán pois é a culminación de máis de dez anos de xestións a todos os niveis, con ata catro ministros de Fomento de distintos partidos políticos, pero todo pagou a pena porque ao final este luns comezarán xa as obras do enlace sur da autoestrada”. Mirás Franqueira agradece especialmente a dispoñibilidade ofrecida por AUDASA, “que sempre nos tivo permanentemente informados sobre a marcha das negociacións”, e lamenta “o atraso de máis de dous anos que tiveron estas obras. Pero benvido sexa se ao final dispoñemos do enlace sur da AP-9 antes de que remate o ano”.

O alcalde orosán asegura que estes traballos “son unha verdadeira necesidade para Oroso, pois non só permitirán sacar gran parte do tráfico pesado do centro de Sigüeiro, senón que tamén suporán unha alternativa á N-550 e contribuirán a reducir os atascos na ponte de Sigüeiro”. Ademais de mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Oroso, Mirás considera que “a posta en servizo deste enlace sur da AP-9 será un importante apoio para as empresas que están actualmente nos polígonos de Sigüeiro e de Oroso Pequeno, que terán a entrada á autoestrada á porta do polígono. Ademais, incrementará o atractivo de Oroso para outras empresas que estean buscando onde instalarse, pois en Oroso disporán das mellores conexións posibles”.