Saturday 16 de November de 2024

O Plan do Litoral e o Camiño de Santiago, eixes de dinamización e oportunidade para a Costa da Morte


— A directora de Turismo de Galicia participou hoxe nun encontro sectorial arredor das oportunidades de colaboración e de promoción deste destino

O Camiño de Santiago e o Plan do Litoral, que está liderando a Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento no marco dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino para a revitalización da costa galega, centraron a intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na súa participación do Encontro de Turismo de Costa da Morte que se celebrou esta tarde en Muxía.
Promovido pola Asociación Turística Costa da Morte (CMAT), o encontro contou coa participación de axentes públicos e privados implicados no desenvolvemento turístico do territorio, co obxectivo de promover sinerxías e fomentar a difusión do destino Costa da Morte.

Neste sentido tamén se expresou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou a oportunidade que supón para estes territorios a xestión dos fondos europeos extraordinarios tanto do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 como dos Plans Extraordinarios de Sustentabilidade Turística en Destinos, a través dos que Galicia aspira a xestionar 27,75 millóns de euros.

“Acadar este investimento extraordinario suporá unha oportunidade excepcional para a reactivación, impulso, modernización e mellora do sector turístico na comunidade no seu conxunto, pero tamén de territorios con tantas potencialidades como o da Costa da Morte”, explicou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou o feito de que este territorio reúna tantos recursos turísticos excepcionais, desde o Camiño Fisterra-Muxía ata o espazos únicos de alto valor natural e paisaxístico como o xeoparque Cabo Ortegal ou proxectos tractores singulares que logran atraer por si mesmos viaxeiros como o propio Parador de Muxía, onde se desenvolveu o acto, que pechou coa celebración de dúas mesas redondas arredor de diferentes proxectos e iniciativas desenvolvidas para promocionar este xeodestino.