_O Parador Costa da Morte acolleu hoxe á tarde o Encontro de Turismo Costa da Morte, onde concellos, Deputación da Coruña, Xunta e empresas turísticas debateron sobre a potencialidade da zona como xeodestino e apostaron pola colaboración no eido turístico
_Proxectouse a reportaxe ‘O Camiño Continúa’, que servirá de promoción en canles ‘online’ e feiras internacionais de turismo
As administracións locais da Costa da Morte, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os representantes da iniciativa privada vinculada ao eido turístico marcáronse hoxe no Encontro de Turismo Costa da Morte celebrado no Parador Costa da Morte de Muxía un obxectivo: traballar coordinada e conxuntamente na promoción turística da Costa da Morte para converter este territorio nun destino de referencia. Mónica Rodríguez, presidenta de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), entidade impulsora e promotora deste encontro, que aspira a continuidade nos próximos anos, agradeceu o compromiso “incondicional” das diferentes administracións públicas co proxecto da promoción da Costa da Morte e, asimesmo, apuntou o protagonismo das empresas turísticas para “apostar pola potencialidade da zona como xeodestino turístico”. A iniciativa privada estivo representada por empresas locais e polo tecido asociativo, por axencias de viaxes e cadeas hoteleiras tanto de Costa da Morte coma do resto da comunidade autónoma.
O Encontro de Turismo Costa da Morte comenzou coa benvida do alcalde de Muxía, Santiago Toba, que exerceu de anfitrión. Agradeu aos presentes o seu interese por esta iniciativa. De seguido foi Marta Rodríguez, membro do equipo da Secretaria Técnica da CMAT, quen presentou os obxectivos. “Queremos que a Costa da Morte sexa referente; sexa un exemplo da colaboración de iniciativa pública e privada para impulsar un territorio no eido do turismo”.
Os representantes das diferentes institucións tomaron tamén a palabra. Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, entidade dependente da Xunta, falou das Oportunidades do Camiño de Fisterra e Muxía e a futura Senda Litoral para Costa da Morte. Ao seu parecer, Costa da Morte conta con sobrados atractivos para consolidarse como un destino turístico de primeira magnitude. A continuación, foi o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen, coincidindo cos argumentos de Nava Castro, abordou A importancia do turismo cultural en Costa da Morte, Camiño de Fisterra e Muxía e Parque do Megalitismo. Neste territorio atópase o Dolmen de Dombate, considerado a catedral do megalitismo galego, así como numerosos vestixios. Este territorio conta con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construccións funerarias, que conforman unha das mostras máis representativas da Idade de Pedra na Península Ibérica. Tamén estivo presente o secretario da CMAT e presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pablo Canosa. Pola súa banda, Silvia Bouzas, secretaria de APTCM, falou dos Retos e fortalezas do tecido empresarial turístico de Costa da Morte.
Tras a intervención dos representantes institucionais, no Parador Costa da Morte de Muxía, proxectouse a reportaxe audiovisual ‘O Camiño Continúa’. Este documental foi grabado no mes de setembro durante o percorrido que fixeron polo Camiño de Fisterra e Muxía e pola Costa da Morte os blogueiros Bo Saldaña, de ElMundoOk; Leticia Pérez, de Trucos viajeros; Eva Abal, de Una idea un viaje; Dani Keral, de Un viaje creativo; e Alberto Ribas, de Alvientooo. Esta reportaxe, que fai fincapé no potencial turístico da zona, e especialmente do Camiño de Fisterra e Muxía, será empregada como reclamo turístico en canles online e proxectarase en feiras de turismo autonómicas, nacionais e internacionais. Tras o seu visionado, os blogueiros participaron nun debate. Todos coincidiron no “potencial” turístico con que conta Costa da Morte.
A presidenta do CMAT foi a encargada de pechar o Encontro de Turismo Costa da Morte. “Agradeceu a aposta por Costa da Morte das institucións públicas e privadas”. Tamén agradeceu ás diferentes administracións o traballo feito ata o de agora na promoción turística e invitounos a seguir “colaborando de xeito conxunto en beneficio dos concellos da Costa da Morte”. Tras o seu discurso, os asistentes tiveron tempo para o networking, onde se favoreceu o diálogo e a posta en común de ideas, novos produtos turísticos e alianzas empresariais.