— Este novo programa de préstamos empezará a funcionar o próximo ano e virá completar ao fondo que xestiona o IGVS desde 2017 para garantir aos concellos o financiamento necesario para acometer certas obras
— Ángeles Vázquez subliña que grazas a este programa a Consellería axudou xa a executar case medio cento de actuacións en 25 municipios por importe de 11 M€
— O Concello de Noia levará a cabo unha reforma completa do antigo estaleiro de Hermida grazas aos 400.000 € do préstamo que lle concedeu a Xunta este ano
A Xunta de Galicia reservará inicialmente 3 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para convocar por primeira vez un Fondo de cooperación coas entidades locais destinado a apoialas no financiamento da adquisición e promoción de vivendas de nova construción para alugueiro social.
Así o avanzou esta mañá en Noia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de sinatura dos convenios correspondentes á última convocatoria do Fondo de cooperación de rehabilitación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio financeiro a concellos de menos de 50.000 habitantes para proxectos de recuperación do patrimonio construído.
Este ano, tal e como explicou a responsable autonómica, serán 11 as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa grazas aos convenios de colaboración asinados hoxe entre a Consellería e os 9 concellos beneficiarios. Deste xeito, as entidades locais poderán acceder a préstamos sen xuros para financiar os seus proxectos, fondos que deberán devolverlle ao IGVS nun prazo de ata oito anos.
Un dos concellos que se acolleu a esta última convocatoria é o de Noia, que utilizará o préstamo da Xunta de 400.000 € para rehabilitar e reconverter na nova sede do Club do Mar do municipio o antigo estaleiro de Hermida, instalacións que precisamente acolleron hoxe o acto de sinatura entre a conselleira e os rexedores.
Neste sentido, a conselleira lembrou as dificultades coas que se atopan habitualmente os concellos á hora de obter financiamento para poder levar a cabo proxectos do seu interese. Por iso, e co fin de completar o actual Fondo de cooperación de rehabilitación —impulsado en 2017 e grazas ao cal xa se financiaron preto de medio cento de actuacións en 25 municipios por un total de 11 millóns de euros—, a Xunta porá en marcha o vindeiro ano un segundo programa de préstamos de apoio ás entidades locais.
Aínda que o funcionamento de ambos fondos será similar —préstamos sen xuros que se financiarán cos depósitos das fianzas do IGVS—, explicou que o obxectivo desta nova iniciativa será facilitar aos concellos a liquidez necesaria para promover ou comprar vivendas de nova construción dirixidas a alugueiro social. En todo caso, os detalles e requisitos a cumprir estableceranse unha vez saia a convocatoria, o próximo ano.
Na seguinte táboa especifícanse as actuacións de rehabilitación e conservación que se executarán con cargo aos convenios do Fondo de cooperación asinados hoxe:
CONCELLO | ACTUACIÓN | IMPORTE PRÉSTAMO (€) |
ABEGONDO | Adquisición de vila colonial na finca Os Loureiros | 400.000 |
ARES | Proxecto básico centro sociocomunitario da familia | 273.073,06 |
Adecuación de local en Seselle con pista | 290.041,24 | |
CERVO | Adquisición de 10 vivendas unifamiliares adosadas para posterior rehabilitación | 188.694,83 |
Adquisición de dous bloques de vivendas en San Cibrao para posterior rehabilitación | 471.050,32 | |
MASIDE | Rehabilitación do colexio vello | 200.000 |
NOIA | Rehabilitación integral do estaleiro de Hermida | 400.000 |
PONTEDEVA | Reforma de nave para centro de innovación empresarial no polígono de Trado | 75.000 |
RIBEIRA | Reconstrución e ampliación de inmoble na rúa Galicia nº 93 para destinalo a edificio administrativo, usos múltiples e biblioteca municipal | 893.736,64 |
SADA | Rehabilitación de piscina municipal | 487.130,73 |
VILASANTAR | Humanización do contorno do cruceiro de Laxe | 40.745,22 |
3.719.472,04 |