O Concello de Riveira acaba de enviar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a documentación complementaria requirida en orde a que este organismo emita o informe preceptivo favorable para a redución da zona de servidume de protección de costas de 100 a 20 metros en seis puntos do municipio.
O de Riveira é un dos primeiros municipios en cumprimentar este trámite, conforme á disposición transitoria terceira da Lei 2/2013 de 29 de maio de protección e uso sostible de litoral, que modifica a antiga Lei de Costas e abre a porta a esta desafectación.
Neste senso, cómpre recordar que para isto resulta necesario que se cumpran certos requisitos que a criterio do Concello si se dan: que no momento da entrada en vigor da antiga Lei de Costas de 1988 os núcleos ou terreos afectados contasen cos servizos de acceso rodado, abastecemento de auga, evacuación de augas residuais e subministro de enerxía eléctrica; ou ben que estivesen comprendidos en áreas consolidadas pola edificación.
As seis zonas afectadas son:
– Solo urbano ubicado na rúa do Norte en Palmeira
– Solo urbano ubicado en Insuela en Palmeira
– Touro Norte (rúa Perú) en Castiñeiras
– Touro Sur (zona Ameixida-Touro) en Castiñeiras
– Areeiros en Castiñeiras
– Campo da Agra e Cantón en Corrubedo.