A alcaldesa Inés Rey recibiu esta mañá a directiva de Down Coruña, que amosou a súa satisfacción con este proxecto hostaleiro integrador
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá a directiva de Down Coruña para facer balance dos tres primeiros meses de actividade de Down Experience no quiosco da praza de Ourense. Estiveron presentes Ricardo Santos Rodríguez, Manuel Álvarez Esmorís e Manuel Rego Vecino, presidente, vicepresidente e director executivo da entidade coruñesa.
O motivo da xuntanza foi transmitirlle á alcaldesa a súa satisfacción pola marcha do proxecto Down Experience, apoiado polo concello coa cesión deste singular espazo deseñado polo arquitecto Rey Pedreira. Nestes primeiros tres meses desde a súa apertura este establecemento hostaleiro converteuse en todo un éxito de público e de satisfacción da clientela. Gran parte dese éxito débese aos seus bocadillos de luras, que volveron este 2021 á praza de Ourense e se converteron no prato estrela do local.
O Concello da Coruña fixo posible este pioneiro proxecto empresarial na procura da inclusión laboral das persoas con diversidade funcional a través do seu Programa de impulso á empregabilidade de persoas con síndrome de Down e outras discapacidades. O concello mantén un acordo de colaboración con Down Coruña para este e outros proxectos, ademais de ceder o quiosco da praza de Ourense, un dos edificios máis emblemáticos da cidade.
“Traballamos pola inclusión, traballamos pola visibilidade e traballamos pola reactivación económica e estabilidade laboral con este proxecto. Abrimos as portas dun futuro laboral para persoas con diversidade”, sinalou Inés Rey.
Grazas a este proxecto, 12 persoas iniciaron un novo reto laboral. Con esta iniciativa e outras desenvolvidas durante o mandato o concello amosa o seu compromiso coas entidades sociais da cidade e a súa contorna, e tamén coas políticas de inclusión laboral.