A convocatoria responde ao esforzo continuado de Xunta de Galicia pola formación dos recursos humanos, neste caso para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade no sector
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regulan as bases para a concesión de nove bolsas de formación práctica convocadas por Turismo de Galicia.
A dita convocatoria responde ao esforzo continuado da Xunta de Galicia na formación dos recursos humanos, neste caso para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade no sector turístico.
As bolsas de formación permitirán aos titulados acceder a prácticas tuteladas en diversas áreas de Turismo de Galicia co obxectivo de fomentar o perfeccionamento profesional dos bolseiros co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.
Sete das bolsas de formación están destinadas á promoción e información turística, mediante a realización de prácticas nas oficinas de información turística de Turismo de Galicia. Estas oficinas prestan un servizo fundamental aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior.
As bolsas estarán distribuídas da seguinte forma: dos bolsas na oficina de turismo de Santiago de Compostela, unha bolsa na oficina de turismo da Coruña, unha bolsa na oficina de turismo de Pontevedra, unha bolsa na oficina de turismo de Vigo, unha bolsa na oficina de turismo de Lugo e unha bolsa na oficina de turismo de Ourense.
Por outra banda, a área de Estudos de Investigación, integrada na dirección de Competitividade de Turismo de Galicia, vén desenvolvendo un traballo esencial no eido da investigación e análise de datos do mercado turístico cuxo resultado contribúe de maneira esencial ao aumento da competitividade de Galicia como destino turístico.
Por este motivo, Turismo de Galicia promove tamén dúas bolsas de formación nesta materia que permitirán a titulados en diversas materias ampliar experiencia e coñecementos sobre o mercado turístico galego. As ditas bolsas están destinadas á realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística -unha bolsa especializada en estatística e outra especializada en turismo-.
A dotación económica das bolsas será de seiscentos euros brutos mensuais no caso das bolsas de formación nas oficinas de información turística, e de oitocentos euros brutos mensuais, no caso das bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos. En canto á duración máxima do programa formativo será de seis meses e nove meses respectivamente.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir de mañá, día seguinte da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.