Friday 22 de November de 2024

O Hospital Comarcal do Barbanza incorpora un novo equipo radiocirúrxico


— O delegado territorial da Xunta na Coruña e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza supervisaron hoxe no hospital comarcal o funcionamento deste novo equipo radiocirúxico adquirido por importe superior aos 90.000 euros.

— Os Orzamentos da Xunta para 2021 contemplaron partidas por valor de 60 millóns para desenvolver un Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario froito do cal adquiríronse tamén 7 robots cirúrxicos e licitouse a adquisición de 48 novos ecógrafos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, supervisaron o funcionamento do novo equipo radiocirúrxico, que tivo un custo superior aos 90.000 €, que permitirá renovar o equipamento existente no bloque cirúrxico para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc.

O aparello adquirido dispón de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas. Este novo equipamento achega á sanidade pública galega as últimas ferramentas de diagnóstico e tratamento coas doses máis baixas, o que supón unha mellora dos procedementos cirúrxicos cunha maior seguridade para os pacientes.

A Xunta de Galicia vén de recibir os 37 equipos radiocirúrxicos que adquiriu trala licitación por importe de 4,3 millóns de euros que foi autorizada polo Consello da Xunta do pasado 4 de marzo e que resolveuse, coa formalización dos respectivos contratos, o pasado xuño.
O representante do Goberno autonómico tamén informou que este hospital contará en breve cun novo ecógrafo para o servizo de radiodiagnóstico que ten un custe aproximado de máis de 116.000 euros. O obxectivo deste novo equipo será dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.

Os equipamentos procedentes destes expedientes de contratación son susceptibles de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

O delegado da Xunta tamén lembrou que os orzamentos da Xunta para o 2022 contemplan un investimento de 589.299 € para reformas no hospital do Barbanza para a obra da nova unidade de endoscopias e para a licitación do proxecto para ampliar a área de hospitalización.

60 millóns para equipamento sanitario

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver, coa adquisición destes equipamentos, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, un orzamento de 60 millóns de euros.

Froito dese plan xa se acometeron neste ano outras dúas licitacións: a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias por 20,5 millóns de euros e a recente licitación da subministración de 48 ecógrafos con destino aos Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas por un importe total de 5,6 millóns de euros.