Ángeles Vázquez recorda que as contas do seu departamento para o ano 2022 son unha clara mostra do compromiso do Goberno galego para que os cidadáns accedan a unha vivenda digna
A Xunta e a Valedora do Pobo manteñen un ano máis a súa colaboración para divulgar e informar das medidas do Goberno galego que permitan ás familias manter os seus fogares.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a valedora, María Dolores Fernández Galiño, renovaron hoxe o convenio de colaboración que ten por obxectivo intercambiar información de forma áxil e fluída sobre as persoas afectadas en Galicia por procedementos de execucións hipotecarias e desafiuzamentos por impagamento.
Ángeles Vázquez agradeceu o apoio desta institución -que desde 2015 colabora co Instituto Galego da Vivenda e Solo- por brindar protección e proporcionar resposta ás necesidades sobre todo das persoas máis vulnerables a nivel social, dando a coñecer as medidas orientadas a procurar a efectividade do dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada.
Nesa liña, a conselleira salientou que o orzamento en materia de vivenda para o ano 2022 ten por obxectivo facilitar a emancipación das persoas mozas; facer máis social o parque de vivenda, para apoiar ás persoas que teñen maiores dificultades; e seguir apoiando as actuacións en materia de rehabilitación.
A modo de exemplo, citou dúas medidas novas que impulsará o seu departamento, como a concesión de avais —por parte da Xunta— aos menores de 35 anos para a compra da primeira vivenda en propiedade, unha nova liña de actuación que se convocará cun orzamento inicial de 5 millóns de euros, para conceder avais dun 15% do crédito.
Outra das medidas que se impulsará o vindeiro ano, en colaboración coa Consellería de Política Social, está dirixida a aquelas persoas en situación de exclusión que reciben atención de entidades de servizos sociais, aos que se lles sufragará os gastos do alugueiro.
O encontro tamén serviu para trasladar á valedora que Galicia analizará agora o texto da Lei de vivenda –que onte foi aprobada na reunión do Consello de Ministros-, pois ata o momento non tiña información do mesma, a pesar de que se solicitou o texto e a celebración dunha conferencia sectorial para coñecer os principais puntos desta normativa, cuxa competencia recae nas comunidades.
Lamentou a actitude do Goberno central ante unha cuestión tan seria e importante como é a vivenda e denunciou a falta de respecto institucional do Estado non só con Galicia, senón co conxunto das rexións; e mesmo coas entidades locais, que deberán ser as que executen o anunciado incremento do IBI ás vivendas baleiras.