Lembra que, “grazas ao esforzo que fixemos no seu día, Galicia aforrará no 2015 cen millóns de euros polas ferramentas postas en marcha polo Ministerio de Facenda para recoñecer as autonomías cumpridoras do déficit público”
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que unha Facenda pública gobernada con responsabilidade é imprescindible para poder pagar unhas políticas sociais efectivas –“e que non son outras que as políticas sanitarias, educativas e dos servizos”- e uns investimentos en infraestruturas produtivas.
Durante a presentación da secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos no marco do almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum-Tribuna Galicia, aseverou que a “determinación e responsabilidade” de Marta Fernández Currás na xestión das contas fixo posibles moitas das políticas da Xunta.
Nesta liña, lembrou que, durante a crise económica, “todos os galegos tiveron que facer sacrificios nos seus fogares e o noso labor, como Goberno autonómico, era estar á altura do que facían as familias”, ao que engadiu que o labor que asumiu Marta Fernández Currás á fronte da Consellería de Facenda estivo baseada en axustar o presuposto e eliminar o gasto superfluo para, así, garantir a estabilidade económica.
Durante a súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que grazas ás políticas de responsabilidade económica, a Comunidade galega pode afirmar que ao final da recesión económica ten as contas saneadas: “É a terceira autonomía con menor déficit desde 2009 ata 2013 e, segundo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, será a única que cumpra o obxectivo do déficit en 2015; é unha das autonomías menos endebedadas, case 5 puntos menos cá media das comunidades de España e foi a única que non acudiu nin ao Fondo de Liquidez Autonómica nin ao Fondo de Pago a Provedores”.
Sobre este punto lembrou que, “grazas ao esforzo que fixemos no seu día, Galicia aforrará no 2015 cen millóns de euros polas ferramentas postas en marcha polo Ministerio de Facenda para recoñecer as autonomías cumpridoras do déficit público”.