O local da SCRD Agarimo de Sillobre acollerá o domingo 14 de novembro ás 19 horas a representación de “A lúa vai encuberta”, montaxe gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A peza está protagonizada polos actores Melania Cruz e Tito Asorey (director da obra), da compañía A Quinta do Cuadrante, e Vanesa Sotelo e Davide González, da plataforma artística Incendiaria. O prazo de reserva de entradas para asistir á función abrirá o martes 2 de novembro ás 9.00 horas e prolongarase até as 12.00 horas do venres día 12, por correo-e (cultura.deportes@fene.gal), whatsapp 607 625 357 ou teléfono 981 34 03 66.
Función organizada pola Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración de Agarimo de Sillobre, e subvencionada pola Deputación da Coruña.
A lúa vai encuberta é unha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, moitas veces silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan. Como di Edward Hallet na cita do inicio, “o estudo do pasado é a única maneira de poder entender o noso presente, así como só podemos entender o pasado coa luz que nos achega a nosa análise do presente”
En 1977, ano da celebración das primeiras Eleccións Xerais despois da ditadura franquista, o grupo teatral da Asociación Cultural Auriense trata de continuar cos ensaios de A lúa vai encuberta de Manuel María pero, no medio do proceso, o colectivo desfaise definitivamente e o tempo queda en suspenso ata que, corenta e catro anos despois, dúas novas compañías se unen para retomar o traballo no punto no que o deixaron co obxectivo de levar a escena a obra e descubrir as razóns da disolución.
Trátase das produtoras A Quinta do Cuadrante, proxecto dos creadores escénicos Melania Cruz e Tito Asorei, e Incendiaria, plataforma artística nacida en 2014 como laboratorio de creación e composta por Vanesa Sotelo e Davide González. A primeira fixo a súa estrea sobre os escenarios con O empapelado amarelo, espectáculo programado en festivais como Escenas do Cambio, Singular de Ferrol, Uscénica en Compostela ou Galicia Escena Pro, e que acadou tres nominacións aos Premios María Casares, conseguindo o de Premio á Mellor Iluminación. Posteriormente, en 2020, fixeron o seu primeiro achegamento como produtora audiovisual, creando para o Consello da Cultura Galega a realización das pezas A farsa das zocas, de Carvalho Calero, e de As mulleres do porvir, de Dorotea Bárcena.
Pola súa parte, Incendiaria é unha plataforma artística, nacida en 2014, que fundamenta o seu traballo na investigación e na creación escénica contemporánea. A primeira peza coa que traballou foi Memoria do Incendio, de Vanesa Sotelo. Posteriormente, en 2016, xorde a obra Contramateria, e en 2018 estrea a súa primeira montaxe profesional, Eila, coa que forma parte da programación do Festival Vigo en Bruto, impulsado polo Teatro Ensalle. Actualmente, presenta o seu último espectáculo Microspectivas dun Marica Millennial, unha coprodución do Centro Dramático Galego que naceu dentro das III Residencias Paraíso. Ademais, as súas integrantes traballan en Espécies Lázaro, unha produción da compañía portuguesa Teatro Art’Imagem.