Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche amplía o abastecemento municipal a varios núcleos de San Xoán


O Concello tamén acaba de adxudicar as obras para levar auga aos núcleos do Loureiro, A Casatellada e Os Acivros, en Santa Cruz

Hai escasos días que comezaron as obras que permitirán ampliar o servizo de auga municipal no fondo de Moeche estendendo unha nova canalización soterrada desde a estrada provincial DP-4907 até preto do límite con San Sadurniño. Os traballos avanzan a bo ritmo e arredor da metade das tubaxes xa están colocadas no trazado, que percorre a beira da pista municipal que vai por Portogonzalbo a Piegolongo. O proxecto vén atender unha demanda histórica dos núcleos situados a unha e outra banda deste eixo da parroquia de San Xoán. No prazo aproximado dun mes unha vintena de vivendas da zona disporán de abastecemento público, despois de manifestaren a súa intención de conectarse ao servizo. A este respecto desde o Concello infórmase que as arquetas das acometidas domiciliarias se instalarán na última fase das obras, unha vez que se complete a instalación das conducións. Por outra banda, o departamento de Obras tamén comunica que na tarde deste mércores 27 de outubro se conectará a nova traída co colector xeral, razón pola que será necesario interromper a subministración na zona dos Campos, o Castelo, Requiá e Penasalbas entre as 15 e as 17:00h.

O proxecto que agora está en marcha ascende a 64.390,15 euros, IVE incluído, correspondente á oferta técnica e económica presentada pola empresa Gonnaba Construcciones y Reformas como adxudicataria dun contrato que conta con financiamento de Augas de Galicia. O ente autonómico achegará 50.000 euros e os 14.390,15 restantes serán asumidos pola Administración local.

A obra consiste, a grandes trazos, na estensión dunha nova tubaxe de abastecemento de case 3 quilómetros de lonxitude que partirá do cruzamento coa estrada provincial -por onde discorre a condución xeral- e seguirá logo por Portogonzalvo e a Casanova do Vilar. Un pouco máis adiante subirá á Bouza, seguirá case na mesma cota ata Beleiriz e, logo, baixará de novo á pista principal na Casalousada, antes de rematar nas casas de Piegolongo que caen do lado de Moeche.

Alén das tubaxes tamén fará falla instalar as arquetas para as acometidas domiciliarias. Até o momento foron 20 as vivendas que manifestaron a súa intención de conectarse co novo abastecemento público. Se todo vai segundo o previsto a obra rematará a finais do mes que entra e será nese momento cando se deixen listos os puntos de conexión, algo que o Concello lles comunicará por escrito ás veciñas e veciños que xa expresaron o seu interese.

Máis obras relacionadas coa auga
Canda este proxecto de ampliación da rede de subministración pública en San Xoán, o Concello de Moeche tamén adxudicou a semana pasada o contrato para o abastecemento dos núcleos do Loureiro, A Casatellada e Os Acivros, en Santa Cruz. Neste caso encargarase das obras a empresa BECNOR, Gestión y Soluciones avanzadas S.L. por un importe de 33.463, 53 euros, sufragados con cargo ao POS+ Adicional da Deputación da Coruña.