Un total de 58 establecementos participan con 72 tapas. O público poderá escoller a gañadora do premio Cidade da Coruña votando a través dunha web-app
A Coruña volverá gozar das mellores tapas no XVII Concurso de Tapas Picadillo 2021 entre o 4 e o 14 de novembro. O concurso, o certame gastronómico máis antigo de Galicia, leva o nome de Manuel María Puga y Parga, máis coñecido como ‘Picadillo’, quen fora alcalde da Coruña entre os anos 1915 e o 1917 e tamén un recoñecido escritor e gastrónomo. Esta mañá tivo lugar a presentación desta edición no Pazo de María Pita polo concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego.
Nesta ocasión participan 58 establecementos cun total de 72 tapas. Delas, 42 farano na categoría tradicional e 30 na creativa. Ademais, 22 tapas participan tamén na categoría maridaxe para a que este ano conta coa colaboración da D.O. Monterrei. “A Coruña é un dos destinos de turismo gastronómico máis puxantes de Galicia”, indicou Juan Ignacio Borrego, que celebrou o regreso do certame tras a obrigada cancelación do pasado 2020.
Todas as tapas son deseñadas especificamente para o concurso e son elaboradas de maneira artesanal e sempre incluíndo produtos galegos. Ademais, 28 desas tapas son aptas para xente celíaca para o cal contouse coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).
Co obxectivo de facilitar a degustación das tapas, o Concurso deseñou catro rutas. A primeira comprende as zonas de Monte Alto, Campo da Leña, Cidade Vella, A Mariña e A Franxa; a segunda as rúas da Barreira, a Estrela, a Galera, San Andrés e Olmos; a terceira sería pola Alameda, Prazas de Galicia e Vigo e Juan Flórez e a cuarta e última iría pola Rolda de Outeiro, As Roseiras, Os Mallos, Catro Camiños e Matogrande.
Para ser admitidas no certame, as tapas pasaron unha fase previa de avaliación e, unha vez en concurso, un xurado de expertos escollerá as mellores tapas baseándose nos criterios de sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo. Seguindo estes criterios, nunha terceira fase será un novo xurado de expertos o que escolla a tapa gañadora en cada categoría. Por outra parte, as tapas participantes na categoría maridaxe serán valoradas por un xurado de catadores e expertos en viño.
Paralelamente, durante os días que dure o concurso, o público poderá votar as tapas participantes para o Premio Picadillo Cidade da Coruña. Como novidade, este ano a votación será a través dunha ‘web-app’ creada para o certame, á que se poderá acceder a través do código QR localizado nos propios locais. Para o público participante tamén haberá premios, entre os que se inclúen menús nos establecementos gañadores, entradas en Termaria, viaxes en veleiro pola Ría da Coruña, ou rutas en 4×4 e motos de auga.
Ademais, este luns 25 tivo lugar un encontro gastronómico con 1906 en MEGA onde o chef Manuel Costiña do restaurante Retiro da Costiña (Estrela Michelin) impartiu unha formación específica en gastronomía de pequeno formato que se completou cunha en técnicas de maridaxe por parte do departamento de Cultura da Cervexa de Hijos de Rivera.
Para os establecementos gañadores o premio será de 1.000€ nas categorías tradicional e creativa ademais do diploma e a chaquetilla conmemorativa, e de 500€ nas categorías de maridaxe e de voto popular.
Toda a información sobre o XVII Concurso de Tapas Picadillo está dispoñible na web tapaspicadillo.es