Friday 22 de November de 2024

Fene completa o aglomerado de dúas pistas municipais con cargo ao Plan de Mellora de Camiños da AGADER


O Concello de Fene volveu acollerse este ano ás axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a reparación de camiños polos que se sirvan explotacións e parcelas agrícolas. O coñecido como “plan de camiños” da AGADER supuxo unha achega próxima aos 43.400 euros, cos que se lles deu unha nova capa de aglomerado a dúas pistas situadas en Sillobre que suman algo máis de 400 metros de trazado.

A de maior lonxitude -215 metros- é a denominada no proxecto como “Camiño da Curveira”. A pista xa dispuña de firme asfáltico, aínda que presentaba un estado que recomendaba facer labores de mantemento. Neste sentido, o Concello incluíu a súa reparación no plan autonómico aproveitando para estender unha nova capa de rodadura a base de aglomerado, que ofrece unha mellor adherencia e maior durabilidade. A pista dálle servizo a oito leiras agrícolas e a varias vivendas desta zona, a máis elevada de Sillobre.

Sen saír desta parroquia, a achega do plan de camiños tamén deu para mellorar o acceso a sete predios do lugar de Vilanova. Alí os traballos desenvolvéronse ao longo dos case 200 metros de lonxitude dun camiño certamente estreito que discorre ao pé do viaduto da AP-9.

Neste caso xa existía un pequeno tramo cuberto de cemento para salvar a pendente de enlace coa avenida Doutor Sixto Mauriz, pero o resto do trazado era un eixo de terra polo que se serven sete leiras agrícolas e unha explotación gandeira, ademais de ser o único acceso para unha vivenda situada ao cabo da pista. A solución adoptada polo Concello foi, igual que na Curveira, o firme aglomerado, previa preparación da base, das gabias e das entradas ás fincas adxacentes.

Os traballos adxudicáronselle a empresa Canarga SL por un importe total de 41.700 euros (uns 1.700 menos que a achega da AGADER), quen levou a cabo as dúas obras na primeira metade deste mes de outubro e dentro dos prazos que dá a Xunta para a xustificación dos proxectos executados.