Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente xestionará 445,3 M€ en 2022, un 20% máis, co obxectivo prioritario de facilitar o acceso á vivenda aos galegos


— Ángeles Vázquez avanza unha nova medida para garantir un fogar á mocidade: a concesión dun aval por parte do Goberno galego para adquirir por primeira vez unha vivenda en propiedade

— A Consellería mantén un ano máis as axudas para atender aos colectivos máis desfavorecidos, habilitando, en colaboración coa Consellería de Política Social, unha nova liña de subvencións coa que asumirá os gastos de alugueiro de persoas que na actualidade reciben atención de entidades de servizos sociais

— Defende que a mellora da eficiencia enerxética é outra opción válida para rehabilitar, polo que activa un programa dirixido aos concellos máis pequenos, cun orzamento de 3,7 millóns de euros, cantidade que se sumará aos 9,4 do programa de axudas para a rehabilitación enerxética en edificios existentes

— En materia de xestión de residuos destaca a materialización das medidas da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais, con 60 millóns de euros, e unha nova redución do canon de Sogama, que é o máis baixo en España

— Os tres departamentos con competencia no territorio xestionarán un orzamento global de 26 millóns de euros cos que garantir un crecemento ordenado, un uso sostible da Comunidade e a protección das paisaxes galegas

— Salienta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o departamento que máis ve medrar o seu orzamento, ampliará as axudas para previr e paliar os danos que provocan as especies silvestres ata chegar aos 3 millóns de euros

— Vázquez Mejuto destaca que a nivel lexislativo se impulsará a Lei do clima de Galicia, para acadar a neutralidade climática, e a Lei de áreas empresariais de Galicia, para blindar a planificación do solo e ofrecer garantías ao tecido empresarial

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xestionará ao longo do vindeiro ano preto de 445,3 millóns de euros, un incremento de 76 millóns de euros máis que no anterior exercicio —case un 20% máis—, que a converten no departamento da Xunta que máis medra nos presupostos previstos para o ano 2022.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo seu equipo directivo, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, onde avanzou que un dos obxectivos prioritarios destas contas será facilitar o acceso aos galegos a unha vivenda digna.

Salientou que se fará un especial esforzo para que a mocidade poida acceder a un fogar e independizarse, polo que anunciou que por primeira vez a Xunta concederá avais para a compra da súa primeira vivenda en propiedade. Os beneficiarios desta nova medida, cun orzamento inicial de 5 millóns de euros, serán os mozos menores de 35 anos, aos que se lles concederá un aval dun 15% do crédito. Así mesmo, asinaranse convenios coas entidades financeiras para que faciliten a concesión da hipoteca a interese de préstamo hipotecario.

Esta nova liña súmase á batería de medidas en marcha que van dirixidas especialmente á mocidade, como as axudas para mercar vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes e en centros históricos (1,7 M€ para 2022), que xa axudaron a 500 mozos a empezar o seu proxecto de vida. Adiantou que tamén se multiplicará por cinco o orzamento das axudas para a adquisición de vivenda protexida, pois no vindeiro ano se disporán de 2 millóns de euros.

E, no caso de que o beneficiario queira acceder a una vivenda en alugueiro, tamén se habilitarán varias liñas de axudas dotadas con 8 millóns de euros, o que supón duplicar o previsto para 2021.

Vivendas máis sociais
A conselleira destacou que as contas non esquecen ás persoas máis vulnerables e prevén unha nova liña –en colaboración coa Consellería de Política Social- coa que se asumirán os gastos de alugueiro de persoas en situación de exclusión que na actualidade reciben atención de entidades de servizos sociais.

Tamén se manterá o Bono alugueiro social (3,2 M€) co que se cubrirá o 100% da renda dos beneficiarios por terceiro ano consecutivo; e reservarase unha partida de 8,8 M€ para o conxunto de medidas que perseguen a promoción de vivendas con destino a alugueiro social. Coas conta de 2022 farase un esforzo para habilitar máis solo residencial para vivenda pública en tres cidades: A Coruña, consignando 10 M€ para o parque Ofimático da Coruña (barrio de Xuxán), Vigo, onde destinaremos 8 M€ para avanzar na urbanización de San Paio de Navia; e Santiago, onde se construirán 60 novas vivendas (24 no Castiñeiriño e 36 en Lamas de Abade) grazas á mobilización de 6,5 M€.

Duplicar a contía á rehabilitación
Así mesmo, Ángeles Vázquez trasladou que a Xunta destinará ao longo de 2022 máis de 75,2 millóns de euros aos programas de rehabilitación para mellorar o parque de vivendas da Comunidade galega. “Estamos ante o maior orzamento destinado á rehabilitación na última década, que duplica a contía de 2021, co que conseguir dous obxectivos: seguir impulsando medidas para facilitar o acceso a unha vivenda e recuperar os inmobles sen vida, evitando o abandono e a desprotección”.

Indicou que unha porcentaxe importante deste orzamento se canalizará a través do programa Rexurbe, que estará dotado de 10 millóns de euros para comprar e rehabilitar inmobles, ao tempo que se manteñen varias liñas de axudas, como as de concellos para rehabilitar vivenda de titularidade municipal (2,1 M€), as de rehabilitación de infravivenda municipal (270.000 €); ou as axudas ao abeiro do Fondo de Cooperación cos concellos, que recentemente se ampliou ata os 20 millóns de euros. Ademais, esta última medida reforzouse habilitando un segundo Fondo de Cooperación que permitirá aos concellos adquirir ou promover vivendas novas.