Friday 22 de November de 2024

A Xunta elabora un Plan para o Desenvolvemento, Competitividade e Sustentabilidade da Pesca Artesanal


Esta iniciativa, deseñada para a súa inclusión no novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), busca mellorar a competitividade deste segmento de frota mediante accións que permitan unha explotación sustentable e unha mellora da comercialización das especies que captura

A Xunta de Galicia elaborou, para a súa inclusión no Programa Operativo de España do novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), un plan de Acción de Desenvolvemento, Competitividade e Sustentabilidade da Pesca Costeira Artesanal. O principal obxectivo desta iniciativa é utilizar as posibilidades financeiras que ofrece o FEMP e o apoio explícito deferenciado á pesca costeira artesanal, para mellorar a competitividade deste segmento de frota mediante accións que permitan unha explotación sustentable e unha mellora da comercialización das especies que captura.

As liñas mestras deste plan foron presentadas esta semana en Nantes (Francia) polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, no marco dun seminario da Comisión do Arco Atlántico sobre pesca.

Na súa intervención neste foro, Juan Maneiro destacou que, dentro do conxunto do sector pesqueiro europeo, a pesca costeira artesanal ou pesca de pequena escala constitúe un factor de desenvolvemento social e económico de primeira orde. No caso de Galicia, este segmento, xunto co marisqueo a pé, teñen unha importancia socioeconómica fundamental, cunha frota que representaba o 85% do total do número de buques en 2013, con 3.871 unidades, sinalou o secretario xeral.

Por iso, a Xunta elaborou o devandito plan, que en primeiro lugar establece unha priorización da flota costeira artesanal en todas as medidas do FEMP, primando a este segmento nos baremos a utilizar nos procesos de concorrencia competitiva para o acceso aos recursos financeiros aportados por este fondo.

En segundo lugar, contémplase un plan de emprego –dotado con 6,3 millóns de euros– que persegue promover e facilitar o relevo xeracional neste segmento, estando previsto formar, cando menos, a 525 mozos menores de 30 anos.

Por outra parte, o plan para a pesca artesanal incorpora tamén plans de mellora da comercialización, que irán dirixidos ao percebe, a navalla, o ourizo e o marisqueo, co fin de mellorar a calidade do produto, a súa imaxe nos mercados, promocionar o produto, garantir mellor a trazabilidade e a información ao consumidor e abrir novos mercados.

Outra medida será a reactivación das instalacións de produción de semente de moluscos bivalvos, para incrementar a capacidade produtiva das zonas pouco produtivas ou improdutivas. Esta medida buscará a posta en produción de diversas instalacións especificamente creadas para a obtención de semente de bivalvos, actualmente con escaso uso ou en práctico desuso, mediante o emprego prioritario dos recursos financeiros do FEMP no relativo a “Investimentos produtivos na acuicultura”, tendo previsto contar coa colaboración das Federacións Provinciais de confrarías.

Tamén dentro deste plan de apoio á pesca artesanal figura o impulso das marcas de calidade e denominacións de orixe, partindo da positiva experiencia de “PescadeRías”, que desde a súa implantación logrou certificar máis de 22 millóns de quilos de produtos da pesca e o marisqueo capturados pola flota artesanal.

Outras medidas contempladas no referido plan teñen que ver coa mellora da eficacia enerxética e a mitigación do cambio climático, os investimentos a bordo para mellorar o valor engadido das capturas ou a mellora da hixiene e saúde, co fin de mellorar tamén as condicións de traballo dos pescadores.