Destaca que, segundo os últimos datos de Turismo, entre xaneiro e setembro, chegaron á Comunidade 2,3 millóns de viaxeiros, con máis de 5 millóns de pernoitas, sendo Galicia a segunda comunidade en recuperación de número de noites e a terceira en número de viaxeiros con respecto ao 2019
Salienta que nese compromiso co coidado dos bens senlleiros, a Xunta incrementará en 2022 o investimento destinado á preservación do patrimonio cultural galego
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao novo albergue no Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes como exemplo do reforzo da rede pública do Camiño do Norte e da aposta polo coidado do patrimonio.
Durante unha visita ás novas instalacións, Feijóo resaltou que a reforma desta infraestrutura permitirá ofrecer aos peregrinos 98 prazas, ademais de lavandería e zona de lecer, conservando ademais a singularidade do Camiño. “Uns peregrinos que contarán cun total de 10 albergues públicos con 405 prazas nesta ruta xacobea”, dixo, lembrando que o albergue de Vilasantar estará listo en xaneiro de 2022.
Así mesmo, salientou que nese compromiso co coidado dos bens senlleiros, a Xunta leva investido preto de 1,5 millóns de euros na conservación e posta en valor do mosteiro. “E reforzaremos a aposta pola preservación do patrimonio cultural galego incrementando nos orzamentos de 2022 un 15% máis os fondos”, salientou.
Nesta liña, o titular da Administración autonómica aproveitou o acto para lamentar o cambio de criterio do Goberno central no reparto dos fondos destinados aos Bens de Interese Cultural, salvo que sexan de titularidade pública, e que deixa fóra a este mosteiro.
Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que a Xunta seguirá apoiando o Camiño de Santiago, “unha das marcas máis importantes de Galicia”, a través: da execución do Plan estratéxico do Xacobeo, dotado con 247 millóns, e preparando un novo Plan director dos Camiños 2022-2027; ampliando e mellorando a rede pública de albergues, que contará o vindeiro ano con 78; colaborando na súa volta á normalidade, “cun aforo do 75% que estamos estudando ir ampliando ata o 100%, sempre que os peregrinos empreguen o certificado covid”; e estando sempre a carón do sector, potenciando a campaña Galicia Destino Seguro.
O presidente do Goberno galego concluíu salientando que, no que levamos de ano, máis de 160.000 peregrinos se teñen achegado a Galicia. “E segundo os últimos datos de Turismo, entre xaneiro e setembro, chegaron á Comunidade 2,3 millóns de viaxeiros, con máis de 5 millóns de pernoitas. Somos a segunda comunidade en recuperación de número de noites e a terceira en número de viaxeiros con respecto a 2019”, salientou, afirmando que estas cifras acreditan que Galicia é un bo lugar para descansar e para coñecer.