Saturday 16 de November de 2024

Mesa de traballo no Concello da Pobra arredor da situación das persoas inmigrantes


A sala de xuntas do Concello da Pobra do Caramiñal foi escenario neste 25 de outubro dunha mesa de traballo entre a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG); o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez; e Patxi Hurtado e Javier Fernández, presidente e asesor xurídico da ONGd SenValos. Unha reunión que tivo como temas a tratar a situación das persoas inmigrantes e a Lei de Estranxería para así intercambiar información e avaliar futuras liñas de colaboración, tal e como deu a coñecer a edil Amparo Cerecedo quen manifestou que “é unha realidade que nos preocupa e sobre a que hai moita desinformación” porque “son persoas con nome e apelidos, non un número.”

En representación da ONGd SenValos, a cal traballa na inclusión social do colectivo inmigrante, refuxiado e solicitante de protección internacional, Patxi Hurtado declarou que nesta xuntanza deron traslado das inquedanzas da entidade, entre elas, “eses procesos de regularización da Lei de Estranxería vinculados a unhas condicións de traballo que están completamente inconexos coa realidade actual do mercado de traballo.” Esta trátase dunha das principais cuestións ás que tentan buscar solucións no seu día a día en coordinación coas diferentes institucións para evitar a exclusión social, pobreza, falta de dereitos e “unha cidadanía de segunda clase.” Outros aspectos a tratar foron os procesos administrativos, como afecta a fenda dixital ou o caso concreto das persoas menores. O presidente da dita organización tamén deu a coñecer datos como a evolución da inmigración na Pobra do Caramiñal, onde se pasou de 17 persoas no 2000 a 255 neste 2021.

Pola súa parte, o deputado Néstor Rego, fixo fincapé na necesidade de compromiso por parte das Administracións públicas e a importancia de “favorecer o respecto ós dereitos das persoas que chegan sendo conscientes de que se iso non é así estamos afectando negativamente á vida de moitas persoas e tamén á cohesión social.” Neste senso, referiuse a mudanzas lexislativas que posibiliten “remover as trabas que aparecen neste momentos, e actitudes e comportamentos que nos procesos administrativos dificultan a integración e regularización de moitas persoas inmigrantes”; ademais da necesidade de comprensión política e social, con “perspectiva de integración e respecto de dereitos.”

Finalizada a xuntanza quedaron emprazados a seguir mantendo encontros, ademais de recibir propostas para dar traslado ao ámbito político-institucional.