― A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron hoxe na presentación do programa ante os representantes dos 26 equipos galegos beneficiarios
― A Xunta eleva un 70% o orzamento deste plan, que acada os 254.100 euros, e que incentiva clubs de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, rugby, sófbol e voleibol
― Con motivo do 25-N, día Internacional contra a violencia de xénero, organizarase un evento deportivo con presenza das entidades patrocinadas co obxectivo de xuntar ao mundo do deporte no rexeitamento unánime a esta lacra
― Desde 2019, grazas á colaboración entre Igualdade e Deportes, destináronse máis de 2,5 millóns de euros a loitar contra a violencia de xénero no marco das actuacións previstas nesta materia no Pacto de Estado
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, participaron hoxe na presentación dunha nova edición do plan de patrocinio contra a violencia de xénero dos equipos de alta competición femininos de 1º e 2º máximo nivel estatal de Galicia 2021, que este ano triplica o número de clubs que recibirán apoio -sube ata os 26- e incrementa un 70% a aportación económica, que supera os 254.000 euros.
A segunda edición do plan de patrocinio renova o compromiso conxunto da Xunta e a firme aposta polas deportistas galegas, que “cada ano non só agasallan ás comunidades con éxitos nas súas respectivas disciplinas, senón con valiosas ensinanzas sobre o verdadeiro significado do compañeirismo, o esforzo, o traballo, a superación como colectivo (escapando de individualismos), ou a resiliencia”, manifestou Lorenzana.
O orzamento do plan incrementouse este ano case o 70%, pasando dos 149.997 euros da primeira edición de 2020 aos 254.100 euros desta segunda. Esta aposta permitiu tamén elevar o número de clubs beneficiarios, que se triplican, pasando dos 9 aos 26.
O plan é froito dun novo acordo asinado entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte para a difusión de campañas específicas contra a violencia de xénero e o fomento da igualdade no deporte.
O secretario xeral para o Deporte apuntou destacou o “crecemento imparable do deporte feminino galego” acadando que, por vez primeira, haxa máis prazas concedidas a mulleres que a homes no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ou que o Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia patrocine a 102 equipos femininos, cando na súa primeira edición en 2009, eran tan só 30. Por iso, dixo, “en 2020 entendemos que era necesario un Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición femininos” e sacamos un primeiro plan cun orzamento de 150.000 euros para 9 equipos galegos de primeiro nivel. “Hoxe o plan medra, cun 70% máis de orzamento e tres veces máis equipos que o ano pasado”, sentenciou. En total son, sete equipos femininos de baloncesto, sete de balonmán, cinco de fútbol sala, dous de fútbol, dous de voleibol, dous de rugby e un de sófbol que “representan o máximo nivel do deporte feminino galego” e que “loitan pola tolerancia, a igualdade e a non violencia no deporte e na vida”.
No marco do plan, celebrarase un encontro deportivo en datas próximas ao 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, para xuntar a deportistas, técnicos, familias, seareiros e medios de comunicación no rexeitamento a esta lacra.
A conselleira e o secretario xeral dirixíronse hoxe por videoconferencia aos clubs beneficiarios, todos eles impulsores do deporte feminino en Galicia que co seu traballo contribúen a romper cos estereotipos e a demostrar deporte non entende de xénero.
Da provincia da Coruña, a relación de equipos participantes no plan de patrocinios é a seguinte: Da Club Universitario de Ferrol (de Narón), Club Maristas (A Coruña), Fundación Educación e Deporte de Santiago, Real Club Deportivo de La Coruña S.A.D., Club Viaxes Amarelle FS (A Coruña), Club de Arquitectura Técnica (A Coruña), Club Béisbol y Sófbol Cambre e Club Instituto Zalaeta da Coruña.
Da provincia de Lugo participan no plan o Ensino Lugo Club de Baloncesto, Club Peluquería Mixta Friol, Club Deportivo Burela Fútbol Sala e Club Emevé (Lugo).
De Pontevedra son os equipos Club Deportivo Bosco (Vigo), Agrupación Deportiva Cortegada (Vilagarcía de Arousa), Club Baloncesto Arxil de Pontevedra, Club Balonmán Porriño, Club Balonmán Atlético Guardés, Asociación Deportiva Carballal (Vigo), Sociedad Atlética Redondela, Unión Balonmán Lavadores (Vigo), Club Balonmano Porriño B, Asmubal Meaño, Club Poio Fútbol Sala e Pontevedra Rugby Club.
En Ourense, incorpóranse a estes apoios o Ourense Club de Fútbol S.A.D, e o Cidade de As Burgas Fútbol Sala (Ourense).
O Goberno galego leva desde 2015 desenvolvendo actuacións en prol do deporte galego feminino e do fomento da igualdade neste eido. Desde 2019, grazas ao acordo entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, e no marco das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destináronse máis de 2,5 millóns de euros a campañas específicas en recintos deportivos, apoio aos clubs, patrocinios e iniciativas de divulgación con deportistas referentes. En 2021 destináronse 300.000 euros para que os deportistas olímpicos e paralímpicos clasificados para os xogos de Tokio visibilizasen o NON á violencia de xénero.