Grazas a este convenio poderase atender ás necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables
A Xunta de Galicia renova a súa colaboración coa ONG Farmamundi para actuacións de accións humanitarias e de emerxencias, tal e como ven facendo dende o ano 2009, por un importe de 50.000 euros
Grazas a este convenio poderase atender ás necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade), ademais de paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
A sinatura destes convenios permitiu ata o de agora dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación para o Desenvolvemento (AECID) a diferentes emerxencias acaecidas nos últimos tempos, poñendo en marcha operativos para facer fronte ás consecuencias dos conflitos de Siria, Gaza, Sudán do Sur e Malí, á crise nutricional no Sahel, levando a cabo intervencións en Haití e República Dominicana tralo paso do furacán Sandy, en Dadaab (Kenya) para o combate da epidemia de polio, nos campos de desprazados de Goma (República Democrática do Congo) para loitar contra a malnutrición materno-infantil, en Guinea-Bissau para loitar contra o ébola ou Filipinas tralo paso do tifón Haiyan, entre outros.
Doutra banda, estes convenios permitiron dotar materialmente un fondo de emerxencias no centro loxístico que Farmamundi ten en Valencia, para ter a disposición de maneira permanente material de resposta para as emerxencias que poidan acaecer.
O convenio enmarcase no Plan Anual 2015 da Cooperación Galega, aprobado no mes de xaneiro polo Consello da xunta de Galicia. Así mesmo, a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, recolle como un dos instrumentos de cooperación a axuda humanitaria e de emerxencia. No III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación a exercitar, ben de forma directa, ou ben a través dos diferentes actores de cooperación.