Friday 22 de November de 2024

O ciclo Poetas Di(n)versos celebra este luns a súa primeira cita do outono coa galega Luz Campello e o albanés Arian Leka


O acto deste luns 25 de outubro celebrarase na Casa da Cultura Salvador de Madariaga

O ciclo POETAS DI(N)VERSOS volve a traer á Coruña versos orixinais lidos nas voces dos seus autores e autoras, conducidos pola fundadora e coordinadora do ciclo, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño. Nesta ocasión, o primeiro dos actos deste outono celebrarase na Casa da Cultura Salvador de Madariaga este luns 25 de outubro ás 20.00 horas.

Os protagonistas deste acto serán a autora galega Luz Campello e o albanés Arian Leka.
Ambos amosarán aos asistentes a súa obra e firmarán exemplares dos seus traballos. O ciclo POETAS DI(N)VERSOS leva celebrándose desde o ano 1999 e é promovido polo Concello da Coruña. Coma sempre, xuntará a dous autores diferentes, un de orixe galego e outro de fóra, para así contrastar os seus estilos e peculiaridades.

Luz Campello (Guitiriz, 1966), ademais de escritora, é actualmente a Xefa de Servizo de Traballo Social no CHUAC. Xa desde adolescente manifestou un gusto polas letras que a levaría a acadar premios temperás na escrita creativa, desde o Colexio Lagostelle de Guitiriz. Comezou a publicar os seus primeiros artigos e poemas na Revista Xermolos, da súa vila natal. No ano 2005 gañou o V Certame Poesía da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e no 2009 saíu á luz o seu primeiro poemario, ‘Do corazón da terra’. No 2015 publica o seu segundo libro de poemas, ‘Inventario do prohibido’. Na actualidade conta con dous novos poemarios, aínda inéditos.

O albanés Arian Leka (Durrës, 1966) é autor de poesía, prosa, ensaios e crítica literaria. Desde o ano 2000 a súa obra literaria ten recibido un bo número de galardóns nacionais e internacionais. Na actualidade é doutor en Ciencia Literaria e investigador da Academia de Estudos Albanolóxicos. Ten publicado coleccións de relatos como ‘O regreso do esposo’, novelas como ‘A man esquerda’ e poemarios como ‘O navío do sono’, ‘Estrabismo’ e ‘Corrixindo erros’. Moitos dos seus traballos foros traducidos a diversas linguas e publicados en revistas literarias de diferentes países do mundo.