Friday 22 de November de 2024

Feijóo salienta a importancia económica e social que supón a ampliación da autoestrada do Atlántico, “a arteria fundamental das comunicacións de Galicia”


Subliña que con esta obra que empeza de xeito simultáneo no treito Cangas-Teis, -coa ampliación da ponte de Rande-, e en Santiago, e na que se investirán en total máis de 250 millóns de euros, ponse de manifesto o compromiso do Goberno central de “materializar o comprometido”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a importancia económica e social que supón a ampliación da autoestrada do Atlántico “a arteria fundamental das comunicacións de Galicia”.

Feijóo subliñou que con esta obra que empeza de xeito simultáneo no treito Cangas-Teis, -coa ampliación da ponte de Rande-, e en Santiago, e na que se investirán en total máis de 250 millóns de euros, ponse de manifesto o compromiso do Goberno central de “materializar o comprometido”.

Nesta liña, destacou tamén que neste ano 2015 culminaranse unha serie de fitos desde o punto de vista da mobilidade e da vertebración do territorio: “Veremos completado definitivamente o Eixo Atlántico de alta velocidade, que permitirá conectar Santiago con Vigo en 44 minutos; consolidaranse os traballos que farán posible a conexión por AVE coa Meseta en 2018, e acábase de anunciar a apertura de varios tramos da autovía entre Lugo e Santiago”, dixo, logo de referirse tamén ás obras da rotonda de Conxo e ao anuncio por parte de Fomento de licitar a conexión da autoestrada do Atlántico coa zona da Cidade da Cultura.

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que todas estas infraestruturas reflicten a vontade de cumprir o comprometido e, no tocante á ampliación da AP-9 en Santiago, aseverou que con esta obra dáse resposta ás necesidades de Compostela xa que “supón dar saída á autoestrada entre Ourense e Santiago, dar saída á vía de alta capacidade entre Noia, Muros e Santiago”, e suporá tamén, engadiu, a conexión con Lugo a través da A-54.