Friday 22 de November de 2024

O Goberno municipal e a Marea Atlántica acordan a gratuidade das instalación deportivas e dos mercados para entidades veciñais e sen ánimo de lucro


José Manuel Lage Tuñas: “A implantación dunha política tributaria progresista beneficiará aos cidadáns facilitando o acceso ás instalación municipais e permitindo a celebración de eventos”

O Goberno municipal e a Marea Atlántica acordaron a modificación das ordenanzas que regulan os mercados municipais e as instalación deportivas do Concello. En ambos os dous casos os cambios tradúcense na redución ou exención das cotas que aboaban determinados colectivos polo uso das devanditas instalación públicas.

No caso das instalacións deportivas, as dúas partes acordaron establecer unha cota cero para a celebración de festivais e actos cando estes non teñan carácter lucrativo. No caso de que as mesmas entidades empreguen ditos bens municipais con despacho de billetes, contarían cunha redución da tarifa do 50% sobre a establecida.

É unha das melloras froito dunha negociación na que tomaron parte o portavoz do Goberno municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e a portavoz da Marea Atlántica, María García.

A modificación da norma facilitará o acceso dos cidadáns aos bens públicos e contribuirá tamén a impulsar a organización de actividades nos barrios.

Asemade, o Concello modificará tamén as ordenanzas que regulan os mercados, establecendo tamén exencións e bonificacións para a promoción de eventos nos espazos dispoñibles nas prazas de abastos, nomeadamente na planta alta de San Agustín. Así, as actividades que sexan declaradas de interese xeral polo Concello terán unha cota cero para o emprego deses espazos, igual que para as entidades
benéficas. O resto de entidades sen ánimo de lucro que non cumpran eses requisitos contarán tamén cunha cota reducida ao 50% para a celebración de eventos.

“A implantación dunha política tributaria progresista beneficiará aos cidadáns facilitando o acceso ás instalacións municipais e permitindo a celebración de eventos”, indicou Lage Tuñas.

Os cambios nas dúas ordenanzas seguen a liña marcada na negociación entre as dúas partes, e que se ten concretado xa na decisión de crear unha nova normativa que regule o uso do espazo público por empresas de telefonía móbil. Dita taxa permitirá ao Concello ingresar ata 1,5 millóns de euros ao ano.
Froito dos acordos entre as partes en política fiscal, aprobouse o ano pasado a gratuidade das escolas infantís municipais para todos os usuarios de dito servizo.

“Estamos a poñer en práctica unha política tributaria de marcado carácter social, redistributiva e xusta no reparto das cargas, unha política fiscal que redunda nunha mellora dos servizos públicos especialmente para quen conta con menos recursos”, indicou o portavoz do Goberno.