O Náutico coruñés estreará catro xogos de velas para os seus barcos J-80 que foron financiadas polo Concello
A Coruña acollerá esta fin de semana a primeira Regata Isabel Zendal de vela. Trátase dunha competición feminina que conta co apoio do Concello da Coruña. Ao acto de presentación, realizado este venres pola mañá no Náutico, acudiu a concelleira de Deportes, Mónica Martínez.
Este gran premio nace coa intención de consagrarse como unha regata de referencia a nivel nacional e internacional. Participarán dez tripulacións femininas en barcos da categoría J-80. O Concello da Coruña financiou para as embarcacións do Náutico catro xogos de velas, que serán estreadas nesta competición. Trátase de catro xogos de tres velas cada un –maior, foque e gennaker– de cen metros cadrados.
Esta regata nace para pór en valor a figura de Isabel Zendal, que foi certificada pola OMS como a primeira enfermeira do mundo en misión humanitaria. A competición realízase na Coruña, desde onde partiu en 1803 a embarcación ‘María Pita’ coa Real Expedición Filantrópica da Vacina, tamén coñecida como Expedición Balmis, que permitiu inocular a vacina da varíola nos distintos continentes.
Participarán na regata tripulacións de diferentes clubs nacionais como o Náutico coruñés, o Náutico de Vigo, o Náutico de Sanxenxo, o Club Astur de Regatas de Gijón ou o Marítimo de Abra (Bilbao). A competición será este sábado e domingo e haberá un total de 60 mulleres que participarán, entre elas as mellores a nivel nacional.