Saturday 16 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición do curso de especialización en financiamento europeo da Fundación Galicia Europa


Ao longo de cinco xornadas, repartidas entre o 9 e o 19 de novembro, os asistentes abordarán todos os aspectos relativos ao novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e ao novo instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”

Con esta décimo quinta edición de “TecEuropa”, a Fundación Galicia Europa dá cumprimento ao seu compromiso de celebrar cinco edicións deste programa formativo en 2021, cuxo obxectivo é facilitar o acceso das entidades galegas aos fondos europeos

A Fundación Galicia Europa (FGE) abre o prazo de inscrición á nova edición do seu curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”, dirixido a entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro, que se desenvolverá de xeito online entre o 9 e o 19 de novembro.

Ao longo de cinco xornadas, moderadas pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, os asistentes poderán afondar, da man de especialistas e de representantes comunitarios, en todos os aspectos relativos ao novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e ao novo instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”, con especial fincapé nas transicións ecolóxica e dixital e en programas europeos como Life e Horizonte Europa.

Con esta décimo quinta edición, a sexta de xeito virtual e a quinta celebrada en 2021, a FGE dá cumprimento ao compromiso adquirido na última reunión do seu padroado en 2020, de continuar facilitando ás entidades galegas o acceso ás distintas fontes do financiamento europeo.

Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de dez edicións á formación de máis de 440 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.