Unha vintena de veciños e veciñas de Boqueixón asistiron á charla informativa sobre a nova tarifa eléctrica organizada polo Concello de Boqueixón e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Unha iniciativa que tivo lugar na tarde de onte xoves no centro sociocultural de Lestedo.
Esta charla, impartida por persoal técnico do IGCC, enmárcase dentro da campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno que desenvolve o instituto. Así, os veciños e veciñas de Boqueixón recibiron consellos e orientacións para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa (val, chairo e punta). A maiores, a veciñanza aprendeu distintos conceptos sobre o novo sistema, dende as diferenzas entre mercado regulado e libre ata como ler a nova factura.