Thursday 21 de November de 2024

Estudantado do IES Praia Barraña participa nas xornadas de turismo mariñeiro da Pobra do Caramiñal


Continúan as xornadas de turismo mariñeiro dirixidas a escolares na Pobra do Caramiñal. Así, neste 21 de outubro contaron coa participación dun total de 15 alumnos e alumnas da ESO do IES Praia Barraña de Boiro.

Seguindo a dinámica habitual, primeiramente foron recibidos e recibidas no Auditorio do Museo Valle-Inclán por unha das técnicas do Turismo do Concello, quen lles explicou a actividade e amosou unha peza audiovisual que reflicte toda a cadea pola cal pasan os recursos marisqueiros -dende o proceso extractivo ata que chegan aos pratos-, ademais de lles face-la entrega dun receitario de diferentes elaboracións con bivalvos que se fan nos establecementos hostaleiros da localidade. Deseguido, desprazáronse ata o areal dos Raposiños para coñeceren a pé da praia o mundo marisqueiro a través das propias mariscadoras.

Estas visitas-experiencia nacen da man da Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), en colaboración coa Asociación Mar da Pobra, cos obxectivos de achega-lo oficio das mariscadoras ás novas xeracións e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ao tempo que se contribúe con esta acción á desestacionalización da demanda turística.

A dita iniciativa dirixida a alumnado de centros educativos de toda Galicia continuará desenvolvéndose nos vindeiros meses seguindo o formato das xornadas que transcorreron durante o verán.