Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoiou a renovación da Área Recreativa de Gabenlle na Laracha con máis de 28.000€


― O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou que a Xunta apoiou 8 actuacións de mellora das infraestruturas turísticas nos concellos de Bergantiños Costa da Morte cun investimento de máis de 162.000 euros

― O representante do Goberno autonómico informou que está pendente de resolver a nova orde para que os concellos de menos de 10.000 habitantes conten de novo con subvencións para a mellora, creación ou rehabilitación de recursos ou infraestruturas turísticas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, visitou esta mañá a zona recreativa de Gabenlle para comprobar o resultado das obras de rehabilitación e accesibilidade deste entorno turístico.

Esta actuación contou cunha achega de máis de 28.000 euros da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para levar a cabo melloras nas infraestruturas turísticas municipais.
Trenor recalcou que con este tipo de axudas “buscamos seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”. “Esta obra é un bo exemplo do tipo de iniciativas que saen adiante con estes apoios porque pon en valor todo este entorno e o fai máis atractivos para os veciños e visitantes”, subliñou.

O delegado da Xunta informou tamén que a Xunta ten xa en tramitación para resolver a nova liña de axudas para actuacións de mellora en infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes cun orzamento de 3,5M€ que ten coma obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego.

A través desta liña a Xunta financiará o 100% das actuacións dirixidas ao embelecemento de accesos aos recursos turísticos, instalación ou mellora da iluminación ornamental; creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas ou a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos; eliminación de barreiras arquitectónicas ou sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna, entre outras accións. Os beneficiarios serán sempre concellos de ata 10.000 habitantes e poderán recibir unha contía máxima por axuda de 30.000 euros.

Trenor lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a Xunta apoiou o ano pasado 8 actuacións que contaron cun investimento total de máis de 162.000 euros no concellos de Carballo, Cee, Cerceda, Dumbría, A Laracha, Ponteceso, Vimianzo e Zas.