Inés Rey: “O obxectivo desta xuntanza é o de reverter a sensación de inseguridade da cidadanía coruñesa. Non trasladamos nin obviamos os problemas, facémoslles fronte”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse esta mañá co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para avaliar as medidas postas en marcha por ambas as institucións en materia de seguridade cidadá. O
encontro, solicitado pola alcaldesa, concluíu co acordo de actualizar o Plan de Seguridade Cidadá do ano 2012 e adaptalo ás necesidades actuais.
“O obxectivo desta xuntanza é o de reverter a sensación de inseguridade das coruñesas e coruñeses. Non trasladamos nin obviamos os problemas, facémoslles fronte”, sinalou a alcaldesa tras o encontro realizado na Delegación do Goberno. A actualización do Plan de Seguridade Cidadá irá acompaña dun incremento das medidas de reforzo da presenza policial xa en marcha nos barrios e tamén de intervencións de axentes de paisano. Ambas as institucións tamén acordaron unha mellora da coordinación nos lugares e nos horarios máis sensibles.
“Queremos que A Coruña siga a ser unha cidade tranquila e por iso quería avaliar co delegado do Goberno as medidas que se están a poñer en marcha para garantir a coordinación entre os diferentes corpos de seguridade, a prevención de delitos e a actuación no caso de que se produzan”, dixo Inés Rey.
Unha das peticións feitas pola alcaldesa ao delegado do Goberno foi o incremento dese reforzo da presenza policial nas rúas da Coruña, incrementando os medios materiais e humanos para axudar a poñer fin á sensación de inseguridade que se vive nalgúns barrios da cidade. “Os problemas das coruñesas e dos coruñeses son as preocupacións da alcaldesa”, apuntou a alcaldesa. No encontro avaliouse o incremento de efectivos que xa se realizou e o funcionamento da Comisión de Coordinación Policial entre o 091 e a Policía Local para os casos de ocupación.
A alcaldesa trasladoulle ao delegado do Goberno que contará con toda a súa colaboración neste ámbito. Trátase dun asunto prioritario para o Concello da Coruña, que continuará a facer un seguimento das medidas postas en marcha por ambas as institucións.