Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente licita por case 100.000 euros as obras de mellora de varios espazos públicos no núcleo tradicional de Coirós de Abaixo


— Ademais da humanización dunha superficie de case 12.000 m2, o proxecto tamén inclúe a construción dun parque público

— As empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato público dispoñen ata o 11 de novembro

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita hoxe, na Plataforma de contratos públicos, por case 100.000 euros as obras de humanización de varios espazos públicos no núcleo rural, histórico-tradicional e común de Coirós de Abaixo, no Concello de Coirós.

O proxecto, ademais de mellorar o estado actual de varias rúas –que suman un superficie de case 12.000 m2—, prevé a creación dun parque público.

As obras consistirán na limpeza dos viarios e espazos públicos, limpeza de cunetas para mellorar a drenaxe e evacuación de pluviais, e a eliminación de barreiras que interfiran na accesibilidade.

As empresas interesadas en acceder a este contrato público, cun prazo de obra de dous meses, dispoñen ata o 11 de novembro para presentar as súas ofertas.

Esta actuación executarase ao abeiro dunha colaboración entre a Xunta e o Concello dentro do plan Hurbe, que ten por finalidade axudar ás entidades locais na execución de diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Desde a Consellería de Medio Ambiente saliéntase que esta licitación é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.