O Concello de Lousame vén de investir 31.308,64 euros na mellora dos accesos á localidade de Cerquides, parroquia de Lousame. Unhas obras executadas pola empresa Excavaciones Yoni Tuñas SL ao abeiro do Plan Único de Concellos “POS+ 2021”.
As obras consistiron na mellora da capa de rodaxe dos dous accesos principais á localidade con cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilados de mordentes. Así mesmo, acometéronse 50 metros cadrados de sobreanchos e unha cuneta de formigón de 75 metros para aumentar a seguridade dos peóns. Baixo esa cuneta canalizouse unha tubaxe para a recollida de augas pluviais, con 4 arquetas con reixa e 1 arqueta con sumidoiro.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “continuamos así co noso programa de mellorar os accesos e humanizar o interior das nosas distintas aldeas, como fixemos tamén estes días en Vilar de Reconco ou Pousada”.