O alumnado da escola unitaria de A Retén (Padrón) participou onte mércores no obradoiro “Na mestura está a igualdade”, que o Concello de Padrón está a levar a cabo nos distintos centros educativos do municipio a través do Centro de Información á Muller. A actividade é unha das iniciativas programada co gallo da conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A concelleira de Igualdade de Padrón, Lorena Couso, explica que “nestes días estamos traballando cos nenos e nenas máis pequenos, cun obradoiro adaptado ás súas idades no que elaboran unha árbore da igualdade e o respecto. Nos próximos días levaremos a cabo outro tipo de talleres para alumnado de maior idade”.