Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche licita as obras do centro sociocultural de Labacengos, que contará cunha axuda do Plan Leader


A Administración local tivo que deixar deserto o anterior procedemento e agora volve convocalo dando de prazo até o 3 de novembro para presentar ofertas

 

A parroquia modestina de Labacengos é a única que non dispón, por agora, dun local de titulariedade pública para que a veciñanza poida xuntarse e organizar actividades. Porén a cousa cambiará dentro de pouco tempo, unha vez se complete a licitación e construción dun edificio de usos múltiples que se erguerá nun terreo de propiedade municipal situado a uns metros da igrexa. O importe total da obra -157.890 euros, impostos incluídos- sufragarase na súa maioría con fondos municipais, aínda que o proxecto tamén recibirá unha achega de 20.000 euros do plan Leader Seitura 22. O consistorio abriu hai uns meses un proceso de licitación coa mesma finalidade que, ao cabo, tivo que quedar deserto xusto antes de que se asinase o contrato por mor das carencias detectadas na documentación que debía presentar a empresa adxudicataria. Neste sentido, o Concello de Moeche ten iniciado xa un novo procedemento na Plataforma de Contratación co Sector Público dándo de prazo de recepción de ofertas até o próximo 3 de novembro.

A proposta arquitectónica, de deseño moi moderno e funcional, inspírase nos pendellos da feira de San Ramón e intégrase na leira municipal cun corpo principal de planta baixa e unha zona cuberta exterior que suman 158,78 metros cadrados de superficie construída.

No interior o espazo repártese nun distribuidor principal de 22 metros cadrados que dá aos dous aseos e a un almacén cercano aos 14 metros de superficie. Na outra banda ábrese unha grande estancia -a sala de usos múltiples- que alcanza os 90 metros cadrados, reservando neles sitio para un escenario de case 11 metros cadrados e para unha cociña de algo máis de 7 que pode dividirse cun panel móbil.

E todo cunha concepción minimalista que lle cede o protagonismo á luz e á utilidade do espazo como punto de encontro veciñal, sen perder de vista a accesibilidade e a eficiencia enerxética.

A obra adxudicóuselle provisionalmente na primeira licitación á empresa Obras Gallaecia por un importe de 149.099,79 euros. Porén, finalmente, a construtora presentou documentación con distintos defectos insubsanables que obrigaron ao Concello a deixar deserto o contrato e volver reiniciar o procedemento. Os pregos técnicos e administrativos están publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público, onde se sinala que o prazo de presentación de ofertas finaliza ás 23:59h do próximo 3 de novembro.

As obras, que están cuantificadas en 157.890 euros (IVE incluído), financiaranse con fondos municipais provenientes dos remanentes de Tesouraría cos que se pechou o exercicio de 2020. O Concello tamén presentou o proxecto ás axudas do Leader, tramitadas pola AGADER a través do Grupo do GDR Seitura 22. O grupo de desenvolvemento rural publicou onte mesmo a relación de iniciativas que se beneficiarán das achegas europeas. Unha delas, de 20.000 euros, irá para o centro cívico de Labacengos encadrada na categoría de proxectos non produtivos presentados por Administracións públicas, neste caso o Concello de Moeche.

Segundo Beatriz Bascoy, a construción do novo centro cívico e de usos múltiples “virá completar a rede de espazos municipais que hai distribuídos polas parroquias e daralle cumprimento a unha demanda histórica da veciñanza de Labacengos, cun local mellor situado e con mellores condicións que o do Ventoeiro, que a asociación veciñal como propietaria poderá seguir utilizando”.

Se a adxudicación das obras se completa sen novidades, as previsións municipais apuntan a que o edificio poida estar listo a mediados do verán do ano que vén.