Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Brión aproba por unanimidade actualizar as taxas dos servizos de saneamento e abastecemento de auga


O Pleno municipal ordinario de Brión aprobou esta mañá por unanimidade actualizar as taxas polos servizos de abastecemento de auga e de saneamento e depuración de augas residuais. Así, a taxa polo abastecemento de auga aumentarase nun 3,3%, de acordo ao IPC interanual entre agosto de 2020 e agosto de 2021. A taxa polo servizo de saneamento e depuración de augas residuais medrará un 1,87%, xa que é o 85% do IPC intearunual de abril de 2020 a abril de 2021. Ambas actualizacións entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022.

Previamente, o Pleno ratificou por unanimidade a solicitude de adhesión do Concello de Brión ao convenio entre a Axencia Tributaria e a Fegamp para a cesión de información da Axencia Tributaria ás entidades locais; así como o convenio coa Fundación Rosalía de Castro, polo cal o Concello de Brión achegará 1.000 euros anuais ata 2024 á Fundación e esta ofrecerá visitas guiadas a grupos de entidades educativas ou entidades culturais do municipio. Un ofrecemento que non se están podendo cumprir neste 2021 polas normas restritivas da Covid-19, polo que foi cambiada pola gratuidade da visita á Fundación de calquera veciño e veciña empadroado/a en Brión. Un convenio que está en funcionamento desde xaneiro de 2021 pero que tivo que ser ratificado en Pleno xa que inclúe un investimento plurianual.

Por outra banda, o Pleno municipal aprobou o regulamento para a creación dun Fondo de Acción Social no Concello de Brión, que beneficiará aos empregados municipais; e ata catro modificacións de crédito para o pago dunhas facturas por supervisión das actividades de fútbol antes da pandemia, polo tempo pechado da piscina municipal, pola permuta dunha parcela e para a execución dunha obra de mellora de camiños municipais entre Mourentáns e Pousada.

Rogos e preguntas

Nesta sesión non se presentou moción algunha, só rogos e preguntas. Así, o PP solicitou a colocación dun cartel sinalizador do Pozo Negro e a restauración do mobiliario urbano no paseo do río Pego. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explicou que o Concello traballa nun proxecto para mellorar a sinalización de todas as rutas de sendeirismo do municipio e noutro para a recuperación do mobiliario urbano no paseo do río Pego. Neste punto, o alcalde, Pablo Lago, puntualizou que se está estudando facer eses arranxos cun material que non sexa madeira, posto que se degrada demasiado rápido.

Pola súa banda, o BNG trasladou nove preguntas sobre a gravación dos plenos municipais, o comedor do CEIP de Pedrouzos, a recollida de lixo e o punto limpo, o asfaltado de Monte Balado, a situación do alumeado público e a instalación dun tanatorio e un punto de recarga de vehículos eléctricos no municipio.

A voceira municipal, Sandy Cebral, explicou que unha quincena de familias están na lista de agarda do comedor escolar ao non ter obtido praza na convocatoria realizada pola Xunta de Galicia, pero que ao Concello non tiña chegado queixa algunha nin por parte das familias nin por parte da dirección do colexio. Sobre o alumeado, adiantou que nas próximas semanas licitarase un proxecto para rematar a colocación dun novo alumeado LED diante do IES de Brión e lamentou que a Xunta de Galicia non atendera as reclamacións do Concello para mellorar o alumeado da estrada autonómica que pasa por debaixo da autovía.

Así mesmo destacou a boa marcha das conversas co Concello de Ames de cara á solicitude dun punto limpo que dea servizo a Bertamiráns e Brión; e pediulle ao BNG o listado das aldeas onde din que falta algún contedor xa que “no Concello non temos ningunha petición e todas as que levamos pedido no último ano á empresa concesionaria foron colocados”. A petición de gravación dos plenos será tida en conta.

Sobre a falta de sinalización horizontal na urbanización Monte Balado, o alcalde explicou que se trata dunha actuación que inclúe 11 obras máis en todo o municipio e que se non se acometeu antes foi porque houbo que rebaixar os pasos de peón elevados, polo que se está á espera dunha semana sen choiva para proceder ao pintado. Así mesmo, indicou que o Concello non contempla a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos xa que é un servizo que xa están prestando empresas privadas; e, ante a sorpresa amosada polo BNG sobre unha posible instalación dun tanatorio no municipio, lembroulle as concelleiros que o 16 de decembro de 2020 se aprobou inicialmente unha modificación do PXOM para contemplar a construción dun auditorio e dun tanatorio. Un acordo que foi aprobado por unanimidade dos grupos municipais.