— Preto de 150.000 persoas participaron este ano nas accións divulgativas promovidas desde Patrimonio Natural para difundir os valores dos espazos protexidos de Galicia
— Durante a xuntanza, tamén interveu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, quen puxo en valor as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego protagonizadas pola mocidade e que redundan na conservación
A Xunta de Galicia seguirá apostando pola educación ambiental como ferramenta efectiva para axitar conciencias e sensibilizar á sociedade no respecto e coidado do patrimonio natural, incidindo especialmente no reforzo dos lazos entre o medio ambiente e a mocidade.
Así o reafirmou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a reunión do Observatorio Galego de Educación Ambiental (OGEA), órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento para todo o relacionado co desenvolvemento desta materia na Comunidade.
Precisamente, o principal obxectivo da xuntanza —que estivo presidida por Belén do Campo en nome da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez— foi presentar e expoñer as principais liñas de actuación que se están a levar a cabo en Galicia neste sentido, á vez que se recompilaron experiencias e recursos de referencia tanto na Comunidade como noutros territorios para así poder facilitar a súa divulgación, promoción e aplicación á realidade galega.
Neste sentido, do Campo referiuse ás iniciativas impulsadas desde o departamento de Patrimonio Natural, destacando a posta en marcha dunha aula da natureza virtual con obradoiros e actividades dirixidas a escolares ou a completa programación de actividades divulgativas dirixidas aos visitantes dos espazos naturais protexidos, cun total de preto de 150.000 participantes no que vai de ano, 89.000 deles só no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Así mesmo, salientou o esforzo realizado ata o de agora en colaboración cos centros educativos para achegar ás novas xeracións ao coidado do medio ambiente e incidiu na necesidade de seguir explorando vías de colaboración entre o sector público e privado co obxectivo de educar “en verde” ao conxunto da sociedade e implicala na loita contra o cambio climático, un problema global que, tal e como lembrou, terá este domingo, 24 de outubro, a súa propia efeméride: o Día Mundial contra o Cambio Climático.
Baixo o lema Repensando a educación ambiental, a reunión do OGEA contou tamén coa participación de representantes da Administración autonómica, das universidades e do eido privado implicados de forma directa na execución de iniciativas para a divulgación e o fomento da educación ambiental en Galicia.
Mocidade e voluntariado ambiental
Entre eles estivo a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que destacou que para a mocidade actual, a conservación da natureza e o cambio climático son “cuestións que observan cunha importante preocupación”. Deste xeito, subliñou que “nunca antes houbo unha xeración tan comprometida polo medio ambiente como a actual”.
Por iso, coa finalidade de dar resposta a esta sensibilidade, Cristina Pichel recordou que nos últimos anos o Goberno galego leva a cabo multitude de iniciativas destinadas e protagonizadas pola mocidade e que redundan na conservación medio ambiental. Neste sentido, puxo en valor o éxito de medidas como o proxecto europeo Lewo, no que levan participado máis de 700 mozos e se desenvolveron 329 accións en 15 espazos naturais; a actual programación de voluntariado ambiental; e os 40 campos de voluntariado que se realizan durante a época estival, entre outras.
Tamén participaron Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida); Araceli Serantes, profesora de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña; Marta Seoane, responsable da área técnica da fundación sen ánimo de lucro Conama; e a xerente de comunicación de Ecoembes, Elena López.
Entre os asuntos abordados durante a reunión do OGEA falouse tamén do recente Congreso Nacional de Educación Ambiental e dalgunhas das ideas expostas durante o mesmo sobre como abordar no futuro esta materia, presentouse o VI Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua portuguesa, en colaboración co país veciño, e explicouse o contido do proxecto de aprendizaxe ambiental na escola Naturaliza, impulsado por Ecoembes.